Maña venres pola mañá celebrarase na carpa situada no Paseo da Corredoira o XIV Tui Le. Esta iniciativa está promovida pola Biblioteca Pública Municipal de Tui xunto coas bibliotecas escolares dos centros educativos de Tui e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha xornada de actividades arredor do libro e a lectura que se celebra anualmente.
Nas actividades programadas participarán 500 alumnos e alumnas do IES San Paio, IES “Indalecio Pérez Tizón”, CEIP nº 1, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe, CEIP de Caldelas, CRA “Mestra Clara Torres”, Colexio Santa María – Maristas e Seminario Menor “San Paio”.
Cada centro participante presentará un póster, elaborado polo alumnado, centrado este ano na figura de Francisco Fernández del Riego a quen está dedicado este ano o “Día das Letras Galegas”. Moitos dos alumnos realizarán tamén no decurso da actividade intercambio de libros usados.
O ano o encontro contará con dúas actuacións. Ás 10 h para o alumnado máis pequenos Bea Campos con Inventi Teatro presentará 'As palabras perdidas', un espectáculo de teatro versátil que anima a falar galego dun xeito divertido, dinámico e moderno e que pon en valor o idioma, os ditos e as historias de Galicia. Posteriormente, ás 12h será a quenda de María Lado e Lucía Aldao co seu espectáculo ALDAOLADO, para os e as participantes dos cursos superiores. É unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que con esta nova edición de “Tui Le” o Concello segue apostando polo seu traballo a prol do libro e a lectura dende o convencemento que é unha ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social. O concello facilita o transporte do alumnado dos centros escolares das parroquias para asistir a esta nova edición de “Tui Le”.