O Concello de Tui destina 238.686,86 euros á segunda liña de axudas Reactiva Tui dirixida a persoas autónomas e microempresas do Concello de Tui. Deste total 190 mil euros están financiados con fondos propios e 48.686,886 a través da cantidade adicional da liña 2 do Plan Concellos da Deputación.
As bases reguladoras desta segunda liña de axudas Reactiva Tui foron aprobadas por unanimidade en pleno, o pasado 25 de marzo, dentro do Plan de Reactivación económica local.
Tratase de axudas dirixidas aos establecementos comerciais, hostaleiros e demais negocios da cidade afectados polo peche perimetral, que mantivo ao Concello de Tui illado durante máis de 100 días, así como polas restricións sanitarias impostas para seguir facendo fronte a pandemia. Estes establecementos deberán acreditar unha baixada de facturación no último trimestre do ano 2020 superior ao 30% respecto ao mesmo período de 2019.
O prazo para a solicitude das axudas comezará tras a publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia. Está pendente tamén a aprobación definitiva do expediente de recoñecemento de crédito extraordinario 1/2021, que habilita o importe destinado a facer efectivas tales axudas polo importe correspondente a aportación municipal.
As axudas de Reactiva Tui II oscilarán entre os 1.000 e os 1.500 euros. Poderanse beneficiar das mesmas persoas autónomas e microempresas de ata 10 traballadores en función da súa plantilla, co obxectivo de contribuír o mantemento da súa actividade económica e de emprego.
As solicitudes tramitaranse por rigoroso orde de entrada, tendo en conta que deben contar no momento da presentación con toda a documentación requirida. Coa experiencia adquirida tras a tramitación das axudas do primeiro Reactiva Tui modificouse o proceso de tramitación facéndoo máis sinxelo.
Cómpre lembrar que o Concello de Tui habilitou dentro do Plan de Reactivación económica local para facer fronte a pandemia máis de 1.000.000 de euros. Deste total 280 mil euros destináronse á primeira liña de axudas dirixida a autónomos e microempresas. Sumando os 240 mil euros desta segunda liña, no período dun ano o Concello de Tui ten mobilizado máis de medio millón de euros para apoiar aos sectores económicos da nosa cidade máis afectados pola covid-19.
Esta segunda liña é complementaria coa primeira liña na que se concederon 114 axudas cun importe de preto de 100 mil euros a aqueles establecementos que cumprían con todos os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
Para explicar con detalle a convocatoria Reactiva II o luns 3 de maio está prevista unha xornada informativa, de xeito telemático, dende a casa do Concello.
A Concellería de Emprego, Comercio e Igualdade informa que as persoas autónomas e empresarias que teñan dúbidas sobre o proceso de solicitude poden consultar co centro de Municipal de Formación en Guillarei no 986 60 32 28 ou no correo electrónico [email protected]. As bases desta convocatoria unha vez publicadas poderán consultarse na área de Comercio na web municipal tui.gal.