sábado. 23.11.2024

Tui afonda no legado do Padre Salvado

O ciclo de actividades abrirase con dúas conferencias que terán lugar o luns e martes, ás 20.30 h, na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos. O luns intervirá Giulio Cippolone, catedrático da Universidade Gregoriana de Roma co ponencia “La genialidad ‘herética’ de Rudesindo Salvado: Aborígenes e Ingleses de la misma raza humana. Con los nativos sinfonía de sonidos, cantos y música”. Mentres o martes Albino Prada Blanco, profesor da Universidade de Vigo ofrecerá a conferencia "Rosendo Salvado entre os séculos XIX e XXI".
Fray Rosendo Salvado.
Fray Rosendo Salvado.

Rosendo Salvado será o protagonista do ciclo de actividades que se van celebrar dende o próximo luns, 30 de maio, e até o sábado, 4 de xuño, en Tui. O programa está formado por conferencias, visita guiada, concerto, e proxección dun documental sobre un dos tudenses máis egrexios ao longo dos tempos.  A presentación deste ciclo tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e a pianista Andrea González. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmaba que “temos unha débeda importancia coa figura de frei Rosendo Salvado, que goza de maior prestixios e recoñecemento en Australia que aquí”, salientando o labor de “educación e social cos aborixes australianos, sempre dende o respecto as súas crenzas e costumes” por iso dicía “temos a responsabilidade de pór en marcha cantos instrumentos sexan necesarios para recuperar esta figura e dala a coñecer, e enxalzar a súa figura coma realmente se merece”.  Amosou o interese do concello en recuperar o Camiño das Antípodas a Santiago, e tivo palabras de agradecemento para Andrea González polo traballo de pór en valor a dimensión artística e musical de Salvado.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, repasou polo miúdo o programa previsto que abordará diversos aspectos da vida e traxectoria de Rosendo Salvado a cargo de destacados especialistas de alcance internacional. Dicía “é unha pequena mostra e un pequeno cariño a este egrexio tudense coma é Rosendo Salvado” e transmitía os “parabéns a Andrea González por sacar adiante ese disco.

Explicaba así que o ciclo de actividades abrirase con dúas conferencias que terán lugar o luns e martes, ás 20.30 h, na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos. O luns intervirá Giulio Cippolone, catedrático da Universidade Gregoriana de Roma co ponencia “La genialidad ‘herética’ de Rudesindo Salvado: Aborígenes e Ingleses de la misma raza humana. Con los nativos sinfonía de sonidos, cantos y música”. Mentres o martes Albino Prada Blanco, profesor da Universidade de Vigo ofrecerá a conferencia "Rosendo Salvado entre os séculos XIX e XXI".

A presenza en Tui do catedrático italiano Giulio Cipollone e de Albino Prada, especialistas recoñecidos sobre Rosendo Salvado, aportan unha nova visión sobre o bispo tudense que segue resultando de vibrante actualidade. A súa actividade, as súas reflexións, as súas investigacións en diversos ámbitos sempre vinculados ao seu achegamento aos aborixes australianos, na metade do século XIX, seguen mantendo unha intensa vixencia na actualidade pois conteñen valores universais como o respecto á diversidade, o coñecemento do diferente, a solidariedade, o esforzo...

Mentres o xoves, tamén na Aula da UNED ás 20.30  h celebrarase unha mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música.  Intervirán Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela, e Andrea González, pianista e interprete do disco, e o moderador será Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O mércores, 1 de xuño, ás 19 h, terá lugar unha visita guiada por lugares tudenses relacionados con Rosendo Salvado partindo da súa casa natal na rúa Bispo Salvado nº7.

O venres, 3 de xuño, ás 21 h o Teatro Municipal tudense acollerá a presentación do disco “Salvado - Piano Works” da pianista tudense Andrea González, onde recupera a música de Rosendo Salvado que inclúe dúas obras orixinais para piano de Salvado: Fantasía, variaciones y final e Gran Walz fantástico, datadas en 1873. Este disco complétase coas transcricións para piano realizadas por Salvado de dúas composición relixiosas: Salve Regina  e Tantum ergo, do guión para banda do Pequeño entretenimiento con aire de marcha (1887) e a versión para piano de Andrea González de Maquialó, unha danza aborixe que Salvado publicou en 1851.

Este concerto que recolle unha mostra da produción musical de Rosendo Salvado amosa dende unha nova perspectiva a inxente traxectoria do frade beneditino tudense (Tui, 1 de marzo de 1814 - Roma; 29 de decembro de 1900) que non só abrangue a súa dimensión de misioneiro e evanxelizador nas terras de Australia (que ten na abadía de Nova Nursia o seu principal expoñente) senón que Salvado salienta en moitos outros aspectos: etnografía, botánica, ciencia, etc. cunha personalidade poliédrica avanzada ao seu tempo.

Precisamente hoxe na presentación do programa Andrea González referíase a Rosendo Salvado coma “unha figura humanista e icónica do século XIX” engadindo que que “para el a música foi epicentro da súa misión. As artes era  un  xeito de conectar coas persoas aborixes e poder aportar a través das artes esa comunicación, ese esforzo, esa entrega”. Andrea González indicando Indicaba que é unha honra forma parte deste ciclo de actividades co concerto presentación do seu disco “Salvado – Piano Works” do que dicía “é un disco moi querido, moi desexado e moi loitado que forma parte de moitas persoas”, aludía asía as colaboracións tanto institucionais coma privadas que se sumaron neste traballo.  O concerto será o venres ás 21 h no Teatro Municipal con entrada libre até completar a capacidade do patio de butacas.

Programa de actividades

  • Luns, 30 de maio, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Conferencia Giulio Cippolone, catedrático da Universidade Gregoriana de Roma: “La genialidad ‘herética’ de Rudesindo Salvado: Aborígenes e Ingleses de la misma raza humana. Con los nativos sinfonía de sonidos, cantos y música”
  • Martes, 31 de maio, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Conferencia de Albino Prada Blanco, profesor da Universidade de Vigo: "Rosendo Salvado entre os séculos XIX e XXI"
  • Mércores, 1 de xuño, ás 19 h con inicio na casa natal na rúa Bispo Salvado nº7
    • Visita guiada por lugares tudenses relacionados con Rosendo Salvado
  • Xoves, 2 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música.
    • Participan:
      • Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela
      • Andrea González, pianista e interprete do disco
    • Modera: Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo
  • Venres, 3 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Concerto – presentación do disco “Salvado - Piano Works” de Andrea González
  • Sábado, 4 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Proxección do documental “De Rosendo a Rosendo” (2018) dirixido por Cesar Espada.

Tui afonda no legado do Padre Salvado
Comentarios