A alcaldesa do Concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, xunto co Presidente Gran Mestre da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén, e a Concelleira de Cultura, Lorena Soto, presentaron a LXV Festa do Viño do Condado do Tea, que se celebrará os días 23, 24 e 25 de agosto.
A festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, cumpre anos con importantes novidades debido á gran afluencia de público nas últimas edicións. Este ano, o recinto amplíase a toda a Muralla, incluíndo un espazo con mesas na Praza do Castelo. Alí, instalarase un segundo escenario que, xunto co habitual no recinto amurallado, acollerá os concertos das noites gastronómicas e as actuacións dos grupos folclóricos.
A Festa do Viño do Condado do Tea, a segunda máis antiga de Galicia, experimenta tamén un incremento de adegas participantes, con preto de 30, máis de 100 referencias de viños, marcando un récord para o evento. Ademais, haberá máis postos de comida para atender as mesas do novo espazo, garantindo así a comodidade dos visitantes e veciños que cada ano acoden a esta celebración, xa consolidada como unha das citas imprescindibles do verán.
Nesta edición, o pregoeiro será o actor, cómico, presentador e reporteiro Sergio Pazos, que dará lectura ao pregón o domingo ás 13:00 horas no recinto amurallado. Este acto será seguido da presentación dos viños gañadores do ano e da actuación dos grupos folclóricos e bandas de gaitas de Salvaterra de Miño. Previamente, celebrarase o XXX Gran Capítulo da Cofradía do Viño Condado do Tea e Espumosos, onde se nomearán como novos cofrades a Vanesa González Martínez, Alba González Castro, Ricardo Briz de Labra, Miguel Ángel Alonso Fernández, Miguel Pérez Barros e o propio pregoeiro, que será investido como Cofrade de Honra.
A inauguración oficial da festa terá lugar o venres 23 ás 20:00 horas no recinto da Muralla, aínda que as actividades comezarán esa mesma semana coas catas comentadas, nas que as diferentes adegas participantes ofrecerán degustacións gratuítas dos seus viños. Estas catas desenvolveranse do 19 ao 23 de agosto na Casa do Viño.
Este ano, ademais, regresa o Túnel do Viño, aínda que con cambio de datas. O venres 23 e o sábado 24, en horario de mañá e tarde, o público poderá degustar todos os viños da subzona do Condado do Tea por só 15 euros.
As inscricións para as catas e para o Túnel do Viño deberán realizarse a través do teléfono 617 148 866 ou enviando un correo a [email protected].