Esta semana é a semana do viño do Condado do Tea. A festa é unha das máis veteranas das gastronómicas de Galicia. Durante estes primeiros días teñen lugar as catas comentadas de distintas adegas da subzona do Condado do Tea. Xa tiveron lugar as de Viña Caeira e Pazo de Lusco xunto con Pazo San Mauro, Adegas Galegas e Marqués de Vizhoja. Era preciso inscrición previa.
Outro atractivo é o túnel do viño no andar superior ó museo da Ciencia do Viño para poder catar distintos tipos da DO ter una completa visión de conxunto desta subzona de Rías Baixas.
A partir do venres, as noites gastronómicas –venres, sábado e domingo- van facer a delicia de quen se achegue ó recinto amurallado, onde poderá degustar os viños Rías Baixas con produtos, como embutidos, mariscos, churrasco, porco ó espeto, polbo, tapas, pizzas, produtos gourmet, filloas e sobremesas. Noites de boa temperatura ó aire libre para charlar tranquilamente arredor dunha mesa ben variada con boa compañía e música en directo.
O venres comeza oficialmente a 64 Festa do Viño do Condado, ás 20.00 horas, no recinto amurallado. A alcaldesa, Marta Valcárcel, e un grupo de adegueiros percorrerán as distintas casetas das adegas que acoden á festa, todas da DO Rías Baixas.
Un panel de cata examinará, o sábado, os viños presentados ó concurso de ‘Cata á procura dos Viños Deliciosos do Ano’, cuxo resultado se dará coñecer o domingo.
Finalmente, o domingo, ás 11.00 horas, a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumantes vai recibir, na casa do Concello as confrarías irmáns convidadas á Festa. Logo vaise proceder ao nomeamento de novos confrades. Antes das 13 horas, desfilarán todas as confrarías cara ó recinto amurallado onde seguirán o pregón que este ano vai dar o televisivo Roberto Vilar, un pregón que seguro vai ter moito de bo humor.
Ademais das actuacións musicais, coa terceira noite gastronómica porase fin á Festa do Viño do Condado do Tea.