O Concello do Porriño abriu este sábado a súa nova Sala de Estudo, dotada con 80 postos que ofrecen as condicións necesarias para facilitar a concentración dos usuarios e usuarias.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, inauguraron este espazo nun acto no que estivo presente unha ampla representación da comunidade educativa, tecido asociativo e empresarial e tamén usuarios deste servizo. Iker Faure, ao teclado e voz, e o profesor da Escola Municipal de Música, Jacobo García, ao violonchelo, puxeron a banda sonora ao evento.
A nova sala de estudo está ubicada nun local de 207 metros cadrados na rúa Antonio Palacios, ao carón do Concello, que requeriu unha inversión de 140.000 euros para acondicionalo. Conta con 80 postos de estudo, conexión wifi e cun sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Para facer uso da mesma só é necesario rexistrarse na Biblioteca Municipal.
Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, con reforzo en época de exames tal e como reclamaba a veciñanza.
“Atendemos unha importante demanda da mocidade porriñesa, e da cidadanía en xeral, habilitando un espacio en condicións onde poder estudar nun ambiente tranquilo, agradable e que favorece a concentración”, explicou o rexedor, engadindo que coa apertura deste espazo “tamén fixemos posible que a Escola Municipal de Música puidera volver á súa ubicación orixinal, no Centro Cívico. Algo que tamén era moi necesario”.
Ademais, o goberno municipal avanza así no seu propósito de descentralización dos servizos municipais que persigue habilitar novos recursos en diferentes lugares do termo municipal para achegalos á cidadanía e dinamizar a vila.
“Invertir en educación e cultura é invertir en futuro”, concluíu Lorenzo.