lunes. 13.01.2025

O Concello de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local o proxecto de recuperación do terreiro de Moreira, a explanada nas proximidades da igrexa parroquial, utilizada tradicionalmente como lugar de reunión e de esparexemento da veciñanza da parroquia, e lugar de celebración da súa festa principal, que presenta na actualidade unha gran degradación.

O ámbito específico de actuación está formado pola explanada do terreiro, o camiño que sobe á igrexa parroquial e ao Pazo do século XVII, o tramo de camiño que chega ao cemiterio e o linde co centro cultural situado cara a zona leste deste ámbito, ocupando unha superficie total de 1.980m². Todo este espazo está catalogado, e tamén hai varios elementos catalogados no entorno do ámbito de actuación, de modo que en cumprimento da Lei 5/2016 de 4 de maio  de Patrimonio Cultural de Galicia o proxecto require de autorización previa e vinculante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Planta del proyecto de Moreira, Ponteareas.

O centro da parroquia de Moreira, onde no seu día houbo un fermoso terreiro en torno a un centenario carballo aos pes da igrexa, é hoxe un espazo roto, cheo de tensión e dominado polo automóbil. A construción dun centro cultural fai uns anos, se ben reforzou o seu carácter de espazo central, non conseguiu resolver o deterioro do torreiro. A degradación do lugar móstrase en múltiples aspectos: o impoñente carballo foi substituído por un farol cara aos anos 70 do pasado século, que xa non ten focos; o ancheamento do camiño para converterse en praza é unha estrada ancha con mediana central e dimensións propias dunha travesía urbana; o palco, dos anos 70, está moi deteriorado e invadido pola vexetación, e o seu tamaño desproporcionado colmata case por completo a zona destinada aos peóns; unha monumental aliñación de plataneiros que marcaba o acceso ao cemiterio e que forma parte dun camiño histórico é unha fila de molestos cotóns abafada por un muro de contención de formigón; o cruceiro, destacado símbolo do lugar do século XIX, atópase engulido polos vehículos, con numerosos danos polos choques con coches; o espazo para os peóns é un baleiro que se expande e se contrae segundo o número de coches que se amorean nos seus bordes, pero sempre é residual.

“A pesar do elevado deterioro apreciado no terreiro de Moreira, o espazo conserva un gran potencial para volver ser un espazo público de referencia no centro da parroquia, que conta con varios elementos que reforzan o carácter central do espazo dentro desta, como son a igrexa, o cemiterio, o centro cultural e incluso unha parada de autobús escolar. Para recuperar o espazo é indispensable recoñecer o papel de cada un dos actores do mesmo, redefinir os seus límites e buscar os eixos sobre os que coser os distintos fragmentos do espazo. O obxectivo que se persegue con este proxecto consiste en recuperar un espazo para uso e desfrute dos peóns, que integre tódolos elementos que o caracterizan para crear un lugar de referencia na parroquia para as celebracións, festas, reunións e encontros dos veciños de Moreira”, indicou Chus Garrote, concelleira socialista de Vías e Obras. As actuacións proxectadas teñen un custo de 331.177 euros e contemplan obras de urbanización tales como pavimentación, iluminación pública, saneamento, abastecemento, xardinería e mobiliario urbano, que buscan a mellora do espazo público existente. Este proxecto nace das propostas e ideas que xurdiron nos diferentes encontros do goberno coa veciñanza.

Recuperación do terreiro de Moreira, Ponteareas