Entrou en vigor a nova Ordenanza de Mobilidade e Utilización do Espazo Público de Ponteareas, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia o pasado 24 de febreiro sen que se presentaran alegacións. A ordenanza foi aprobada no pleno do 30 de novembro con tan só 4 votos en contra (ACIP), a abstención do PP e o voto favorábel do goberno (BNG-PSOE).
A Ordenanza de Mobilidade Amábel substitúe á anterior de tráfico de 2003 e configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e o Plan de Accesibilidade así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta, e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.
A nova normativa regula a utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a gozar destes espazos, rematando coa monopolización dun único uso, o do automóbil, e substituílo polo de tráfico de necesidade e que engloba o acceso de residentes con ou sen garaxe, a carga e descarga de profesionais, as persoas con mobilidade reducida, ou o acceso de comerciantes e clientes para recoller ou deixar mercadorías non transportábeis a pé, así como os servizos públicos e de emerxencias.
A nova ordenanza regula as zonas de preferencia peonil, contempla que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía será de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patíns eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas. En canto ás velocidades máximas en vías urbanas a norma xeral é a dos 20 km/h, limitación que tamén se aplica agora en todas as pistas do rural que carezan de beiravía mínima de 1,5 metros de anchura e nas que, en presenza de persoas, se debe reducir a 10 km/h. Ademais, a velocidade máxima é de 10 km/h nas rúas de preferencia peonil ou plataforma única.