A Concellaría de Deportes, que dirixe Nahir Covelo, informa da concesión das axudas aos clubs deportivos de Ponteareas por importe de 50.000 euros, seguindo o compromiso do goberno local de convocalas anualmente e mantendo a cifra dos últimos anos, a pesar da situación provocada pola pandemia da COVID-19.
“En momentos tan complicados como o que estamos a vivir é aínda máis necesario confirmar o noso compromiso e apoio a todas as entidades deportivas de Ponteareas pola importancia da labor que realizan, especialmente no deporte de base”, manifestou a concelleira de deportes.
Estas axudas teñen como finalidade apoiar o esforzo dos clubs sen ánimo de lucro federados en competición oficial, que están tratando de dar continuidade á actividade deportiva coas debidas medidas de seguridade sanitaria para evitar posibles contaxios do coronavirus. Nesta ocasión foron 22 as entidades beneficiarias.
Tras esta concesión, o Concello comunica a cada club a cantidade concedida e procede á súa publicación no taboleiro de anuncios municipal, abríndose o período de xustificación da subvención por parte dos clubs.