A aula UNED do Porriño iniciou hoxe o curso académico 23-24 cun acto no que se presentaron os dous primeiros graos universitarios que se impartirán no municipio: Socioloxía e Traballo Social.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o director do Centro asociado da UNED en Pontevedra, Victor M. González, acompañados polo subdirector económico da UNED Pontevedra, Alfonso Vázquez, e a concelleira Rosa Isabel Alonso, participaron do acto de apertura deste curso universitario que supón a inclusión do Porriño no maior campus de Europa.
Tal e como reivindicou González matricularse na UNED supón “estudar na universidade pública máis grande de España”, tanto en número de estudantes como en oferta académica, e formar parte “como xa o fai o Porriño, da Rede Europea de Ensinanza Superior”.
O director da UNED Pontevedra destacou que contar un centro no concello “é un feito diferencial”, e que os novos grados reforzan tamén a “aposta social que foi a base da implantación desta aula no Porriño”.
No mesmo sentido se manifestou o alcalde, poñendo en valor o orgullo que supón para a implantación de estudos superiores regrados. “Podemos orgullecernos de contar con todas as modalidades educativas no Porriño. Sempre defendín que unha educación de calidade é un dos pilares básicos sobre os que construír o progreso social e económico dun pobo. A nosa veciñanza conta xa con oferta de Formación Profesional, tamén na súa modalidade Dual, que se teñen posicionado como estudos de primeiro nivel, pero non hai que esquecer que a universidade é un dos puntais do noso sistema. Con estes primeiros graos, porque estou seguro que serán moitos máis, completamos a oferta educativa”.
Por iso, o rexedor reafirmou o compromiso do Concello do Porriño “co mantemento e financiamento deste centro na nosa vila, xa que desenvolve un importante labor no eido cultural, social e empresarial” e puxo de novo en valor a oportunidade que supón para “as máis de 2.000 empresas porriñesas xa que, creando unha simbiose entre ambas entidades permitirase cualificar aos profesionais nas áreas que se demanden”.
Cabe destacar que o prazo de matricula dos graos segue aberto ata o 23 de outubro.