O Concello do Porriño xa dispón dunha achega de 10.900 euros, con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea, para a redacción dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, coñecido como "PACES".
O propósito é elaborar un plan de medidas que deberá terse redactado antes do 3 de decembro, que recolla accións concretas a executar no Porriño para a redución das emisións á atmosfera.
Coa ocasión de que a Xunta de Galicia notificase ao Concello a concesión da achega, a alcaldesa Eva García declarou hoxe que vai convocar unha xunta de voceiros para "pedir a colaboración de todos os grupos municipais para que fagan chegar as súas propostas", declarou a rexedora.
O Porriño é un dos 271 concellos galegos que se adheriron ao Pacto Europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable, coordinado en Galicia pola Xunta. O acordo de adhesión adoptouse polo pleno da Corporación Municipal porriñesa a partires dunha moción presentada polo Partido Popular.
En consecuencia, O Porriño solicitou á Consellería de Medio Ambiente acollerse á liña de achegas convocada por ese departamento autonómico para a elaboración dun Plan de Acción que deberá contemplar medidas que contribúan a eliminación de emisións contaminantes e que comprometan ao Concello e á veciñanza porriñesa.
A alcaldesa considera necesario "un acordo de todos os grupos para levar a cabo accións nas materias máis sensibles sexa a contaminación por lindano, sexa o impacto das explotacións mineiras", engadiu Garcia de la Torre.