A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, comezou a mañá de hoxe visitando as obras do novo Aldi de Mos, onde puido comprobar o avance das mesmas, xa que está prevista a apertura de portas da superficie comercial antes de que finalice o presente ano.
A construción da nova nave na zona comercial de As Angustias (Sanguiñeda) por parte de ALDI Supermercados S.L. continúa a potenciar o crecemento desta zona que leva experimentado unha gran expansión desde o ano 2012, xa que desde entón lévanse asentado en Sanguiñeda 2 grandes supermercados (Gadis e Mercadona. ALDI será o 3º), unha gran superficie dedicada á decoración e o bricolaxe, Leroy Merlin, e un restaurante dunha cadea internacional de comida rápida, Burguer King. Creando centos de empregos que continuarán a ampliarse agora coa nova apertura de ALDI, que xerará sobre 20 novos postos de traballo, e que implicará tamén a implantación de 3 novos operadores comerciais a maiores (2 de venda comercial e 1 de restauración autoservizo de comida rápida).
A sociedade ALDI Supermercados S.L., está a levar a cabo estas obras necesarias para a construción de nave comercial, destinada á venda de produtos de alimentación, así como tres locais na planta inferior, dúas delas dedicadas tamén á venda comercial e a terceira destinada á restauración de autoservizo.
A edificación divídese en dúas plantas diferenciadas mediante plataforma. Na cota superior atópanse as instalacións destinadas á distribución comercial da propia marca e aparcamento, accedendo desde Rúas das Angustias (antiga N-120). Á planta inferior accédese mediante rampla desde esta mesma rúa ou mediante rampla que comunica ambas as plataformas. Esta superficie repártese nunha edificación para distribución de comida rápida de autoservizo na zona oeste do solar e en aparcamento, dous locais para operadores alleos á promotora e carrís de circulación na zona este de o solar, baixo plataforma.
O obxecto do proxecto, redactado pola enxeñería Soltec Ingenieros, ten como actividade principal a venda polo miúdo de produtos de alimentación e de limpeza do fogar. Como actividade secundaria inclúese o aparcamento de vehículos para os clientes. A empresa instalarase nun solar situado en Rúa das Angustias, antiga N-120. O proxecto inclúe as instalacións da súa nave comercial, con todos os anexos correspondentes necesarios para a súa actividade.