domingo. 22.12.2024

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, deu conta das actividades que conforman o programa 'Mocidade Viva' durante o verán de 2020. Bouzó sinalou que “son quince accións que se desenvolven ao aire libre mantendo as medidas de seguridade e buscan cubrir as necesidades de formación e lecer das mozas e mozos da nosa vila durante o verán.”

A programación inclúe actividades como obradoiros de cultura urbana, actividades deportivas, cine, obradoiros de cociña e coctelería sen alcol, karaoke ou actividades no medio natural como unha excursión a Siradella (O Grove) ou sendeyak, unha novidosa actividade que combina sendeirismo con descenso en kayak polo río Tea.

O concelleiro nacionalista asegurou que “tras a aparición da Covid-19, as necesidades das mozas e dos mozos son as mesmas ou incluso maiores ao ser preciso buscar novas formas de lecer seguras, evitando lugares pechados e empregando amplas áreas que eviten o risco de contaxio”. Nese sentido, Bouzó salientou que tras a aparición desta pandemia, “o obxectivo prioritario da concellería é facilitarlle á mocidade a volta á normalidade, ofrecéndolles espazos de lecer e socialización seguros e saudables, coa aplicación dos protocolos de hixiene e distanciamento interpersoal correspondentes.”

Miguel Bouzó indicou que “para a planificación, deseño e dinamización destas actividades, contamos coa participación activa das mozas e mozos que no pasado mes de febreiro se desprazaron a Gijón para recibir formación en materia de lecer saudable e alternativo.” O concelleiro de Mocidade quixo agradecerlles o seu traballo e expresar “o inmenso orgullo que supón para Ponteareas contar cunha mocidade comprometida que destina parte do seu tempo a traballar polo benestar colectivo”.

As próximas citas serán mañá mesmo, venres día 31 de xullo, na Feira Vella haberá un obradoiro de danza urbana ás 21 horas e o sábado día 1 de agosto no mercado tamén ás 21 horas obradoiro de cócteles sen alcol.

'Mocidade Viva', quince actividades durante o verán en Ponteareas