Grande éxito de acollida da nova edición do obradoiro ‘A lingua das aves’, unha interesante ruta pola Senda de Pescadores dende o parque do Tamuxe ata a área recreativa das Aceñas na que as persoas participantes puideron descubrir da man de Lorena Franco, de Biophilia, e de Manu Sobrino, de El Naturalista Cojo.
“A resposta da veciñanza foi enorme, enchendo moi rápido as prazas e incluso tendo que ampliar nunha xornada máis a ruta ante a alta demanda. Un interese que amosa o profundo interese que rosaleiras e rosaleiros teñen pola natureza e a nosa contorna natural”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez.
Durante estes encontros, as persoas participantes aprenderon a identificar ás máis de 20 especies que se atoparon ao longo dun percorrido dun quilómetro totalmente accesible, descubrindo que aves viven na contorna e aprendendo poñendo o oído como e por que chían.
Tras estas rutas guiadas, se elaborou unha listaxe con todas as especies de aves identificadas na actividade para que a xente participante poida consultada despois na casa e continuar coa súa aprendizaxe sobre a fauna da contorna. A concelleira amosa a súa satisfacción pola grande acollida da actividade, “unha iniciativa que agardamos que fomente o amor pola natureza, inspire a rosaleiros e rosaleiras para protexer a biodiversidade local e promova un estilo de vida saudable e sostible no noso concello”.