Este vindeiro domingo 17 de marzo ás 18,00 horas a capela das Reliquias da S.I. Catedral de Tui servirá de escenario para o acto de lectura do pregón da Semana Santa tudense que correrá a cargo neste ano por Xosé María Lores Pérez, profesor xubilado do IES 'San Paio' de Tui. A celebración deste acto de lectura do pregón da Semana Santa é unha iniciativa da Asociación “Amigos da Catedral de Tui” que dende o ano 2012 realiza este acto para a promoción do valores espirituais e culturais das celebracións da Semana Santa tudense que teñen unha historia de séculos e contan con singulares tradicións de alto valor como parte do noso patrimonio inmaterial.
Xosé María Lores Pérez (Pontevedra, 1961), é licenciado en Filoloxía clásica por la Universidade de Santiago de Compostela (1985). Profesor de Grego nos IES Santa Irene-Vigo (1985-86), IES Valle Inclán-Pontevedra (1986-87) e IES San Paio-Tui (1987-2022). Neste último centro foi Xefe de Estudos (1991-2005), coordinador da biblioteca do mesmo e do club de lectura “Pedra do Acordo”. Xubilouse como catedrático de Grego. Na actualidade é titor de cursos de PLATEGA (Plataforma de teleformación galega), membro do consello editorial da Revista Galega de Educación e como él mesmo gosra subliñar, sobre todo, lector.
Tras a alocución deste Pregón da Semana Santa e unha posterior intervención do bispo da diocese de Tui-Vigo, Monseñor D. Luis Quinteiro Fiuza, habera un pequeno concerto a cargo de alumnos e profesores do Conservatorio Municipal de Música de Tui.
A Asociación “Amigos da Catedral de Tui” agradece a colaboración na organización deste acto do Cabido catedral de Tui, a Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia e o Concello de Tui.