Ponteareas reforza a súa conciencia ambiental mollándose os pés nos seus ríos para participar nunha limpeza simultánea con outros 21 concellos galegos. O Concello colaborará con ADEGA e persoas voluntarias o vindeiro 26 de setembro para retirar lixo da ribeira do Tea, unha xornada que forma parte do proxecto 'Móllate polos ríos', que promove a asociación ecoloxista.
A Plataforma de Defensa do Tea será a encargada de xestionar a xornada e as persoas que queiran formar parte desta limpeza deben chamar ao 696 65 50 89. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, quere animar á veciñanza a unirse a unha actividade que “pon en valor o noso patrimonio natural, á vez que mostra a importancia de mantelo limpo e saudable polo benestar de todos e todas”.
A xornada forma parte da Semana Global de Accións polo Clima e, como o ano pasado, as actuacións de limpeza están rexidas por un protocolo sanitario estrito pola seguridade de todos e todas.