viernes. 22.11.2024

O Trofeo Festas de Setembro de Ponteareas volve rodar este domingo. A proba, organizada entre o Club Ciclista Ponteareas e o Concello, acollerá deportistas de seis categorías e está adicada a Borja Gómez Méndez, ciclista da vila que ten demostrado ser exemplo de superación e loita. A edición deste ano celebrarase nun percorrido circular duns 2 quilómetros na contorna do parque Ferro Ucha á partir das 09.00 horas. A maiores, terá lugar unha xincana na rúa Concha Brey.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere dar “os parabéns” ao Club polo seu “gran traballo” para sacar adiante este Gran Premio. “Levan moitos anos sendo uns dos principais promotores do deporte en Ponteareas, inculcando a nenas e a nenos o valor do esforzo, da paixón, da superación”, destaca. Por elo, e como recoñecemento polo mérito de competir nas actuais condicións sanitarias, todas as persoas participantes recibirán unha medalla e os campións trofeos.

O Trofeo Festas de Setembro - Gran Premio Borja Gómez Méndez reafirma unha vez máis que Ponteareas é vila de ciclismo. Ademais de ser o municipio con máis gañadores de La Vuelta a España, e da celebración deste Trofeo cada ano, este mes a vila será o punto de partida da 19 edición da Volta Ciclista a Galicia, coa celebración de dúas etapas.

El ciclismo volve rodar este domingo en Ponteareas