A concellería de Cultura do Concello de Tui continua avanzado no programa de actividades denominado “Tui en letras” que, ao longo dos meses de maio e xuño, ven ofertando un amplo programa de actividades de promoción da lectura e a lingua galega.
En concreto, este venres, 17 de xuño, chega a penúltima cita desta programación coa realización dunha “Ruta literaria pola cidade de Tui” na que os participantes recorreran diversos lugares da nosa cidade vinculados a figuras literarias tudenses: dende a casa familiar dos Álvarez Blázquez, pasando polo Seminario como lugar de estudo e formación de figuras como Teodosio Vesteiro Torres ou Manuel Lago González, ou visitando outros enclaves relacionados con Faustino Rey Romero, María Tydeska (María Gloria Pereira) ou lembrando figuras como o poeta galaico-portugués Golparro ou o escritor romántico Camilo Bargiela.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta actividade vincula o patrimonio material tudense co acervo cultural legado polos escritores e literatos que, ao longo do tempo, teñen enriquecido a nosa vida colectiva, moitos deles hoxe case esquecidos.
Finalmente, indicar que aínda que na programación inicial esta visita figuraba ás 19.00 h foi atrasada ata as 20.00 h debido ás altas temperaturas previstas tamén para o venres, que aconsellan esta modificación horaria.