O músico afincado en Tui Pancho Álvarez está a ofrecer nos centros educativos tudenses o concerto didáctico 'Cordas históricas' co patrocinio do Concello de Tui.
Ao longo de 75 minutos o alumnado ten a oportunidade de coñecer instrumentos de corda históricos coma a lira da idade de bronce, os instrumentos dos pórticos da Gloria en Santiago e do Paraíso en Ourense, a zanfona, a vihuela renacentista, a guitarra barroca, a viola de gamba, o violín, a guitarra romántica e cantos de cego, e a guitarra eléctrica. Ao longo do concerto poden escoitar coma se suceden os timbres destes instrumentos ofrecendo unha ampla variedade sonora. Pancho Álvarez no concerto interpreta cantigas medievais, muiñeiras, xotas, alboradas e outras composicións de corte tradicional, acompañadas de proxeccións e explicacións.
É un concerto no que tamén o alumnado participa probando algúns dos instrumentos, acompañando as pezas con percusións e palmas, cantando,… e mesmo bailando. Unha experiencia que para os rapaces e rapazas dos centros educativos tudenses está a resultar moi positiva e enriquecedora, tendo a oportunidade de poder compartir no seu colexio un concerto cun músico da talla de Pancho Álvarez.
Esta experiencia didáctica comezou o pasado 29 de abril no CEIP de Guillarei, e o pasado venres 6 de maio no Seminario Menor. Esta mañá foi o alumnado do CEIP de Caldelas o que puido coñecer o son dos distintos instrumentos de corda da man de Pancho Álvarez en dúas sesións. Precisamente esta mañá a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, achegouse ao CEIP de Caldelas para coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa. A concelleira sinala que con esta actividade dende o seu departamento brindan a oportunidade aos centros educativos de poder compartir con Pancho Álvarez unha mañá entorno á nosa música tradicional.
Os concertos continuarán o próximo mércores 18 de maio no CEIP de Pazos de Reis, o xoves 19 de maio no CEIP de Rebordáns e o 23 de maio Pancho Álvarez estará no Colexio Maristas Santa María.