O
concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera deu a coñecer os resultados da
enquisa cidadá realizada no marco do Plan de Mobilidade durante o mes de
novembro do pasado ano. Un total de 491 persoas responderon ao cuestionario que
estivo dispoñíbel durante quince días para ser cumprimentado por calquera
cidadán. Mera agradeceu a participación veciñal “que foi moi elevada se se
compara con procesos semellantes realizados noutros concellos da entidade de
Ponteareas nos que as enquisas apenas acadaron o centenar”.
O
cuestionario recollía preguntas relativas aos diferentes modos de
desprazamento, o uso do transporte público ou as peonalizacións e humanizacións
para mellorar a mobilidade.
Os
datos revelan que para as persoas enquisadas os principais problemas na
mobilidade a pé radican no estado e dimensións das beirarrúas, que se
consideran en xeral demasiado estreitas, así como na perigosidade dos pasos de
peóns, especialmente polos seus problemas de visibilidade. Para mellorar a
mobilidade a pé a maioría das persoas enquisadas defenden, por esta orde, a
eliminar barreiras de accesibilidade, ampliar as beirarrúas e dotar de máis
sombra os espazos públicos.
En
canto ás peonalizacións, case o 80% das persoas enquisadas apostan por máis
rúas completamente peonís (como a rúa da Esperanza na actualidade) ou
semipeonís coma a reforma realizada recentemente no primeiro tramo do Paseo
Matutino. Máis concretamente, o 50%, das persoas enquisadas demandan máis rúas
completamente peonís. Tan só o 21,3% cre que Ponteareas non precisa máis rúas
peonís ou semipeonís e defenden manter a rede viaria con predominio do
vehículo.
En
canto ás propostas de rúas ou espazos completamente peonís destacan, por orde
de preferencia manifestada nas enquisas, a Praza de Bugallal, a zona da Praza
de Abastos e Auditorio, a Praza Maior, a Avenida da Constitución, o entorno do
Concello, Senén Canido, Vidales Tomé, Reveriano Soutullo e Emilio Rodríguez.
Esas mesmas zonas tamén se propoñen para semipeonalizacións, engadindo neste
caso outras como Concha Brey, Doutor Fernández Vega ou o resto do Paseo
Matutino.
Roberto
Mera salientou que a enquisa revela que “unha ampla maioría de ponteareáns
queren máis peonalizacións e semipeonalizacións e en numerosos lugares da vila,
fundamentalmente nos máis céntricos, onde xa están previstas por parte do
goberno actuacións nesa liña como a do Mercado e Auditorio, actualmente en
execución, ou a Praza de Bugallal cuxa humanización se licitará proximamente”.
O
concelleiro de Mobilidade e Tráfico valorou positivamente a opinión veciñal
expresada nas enquisas “pois é coincidente co modelo de vila do goberno local
que aposta por poñer Ponteareas ao servizo das persoas humanizando os espazos
públicos para mellorar a calidade de vida da xente”.