viernes. 22.11.2024

O deporte está tamén presente nas Festas de San Telmo. Este sábado celébrase a Carreira Solidaria e o domingo e o luns a Feira Cabalar, dous eventos que foron presentados esta mañá.  Na rolda de prensa participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Rafael Estévez, concelleiro de Deportes; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura; Laura Solla do Club Atletismo Tui; Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia; Jesús Gómez, José López e Rosa Moreira da Asociación Cultural San Roque e Bartolomeu; e Luís Romero da Peña Cabalar Val do Louro.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestaba na presentación que “hoxe nos congratulamos todos de presentar dúas probas emblemáticas das festas de San Telmo”. Salientaba coma a Carreira Popular “sempre tivo altísima participación” e agradeceu ao Club Atletismo Tui “a súa implicación nesta proba e no desenvolvemento da práctica deportiva, en especial do atletismo”.

Con respecto á Feira Cabalar que este ano se celebrará ao longo de dúas xornadas, domingo e luns, Enrique Cabaleiro, destacou que “este concello ten a peculiaridade de que hai moitísima afección ao mundo dos cabalos, case podemos dicir que somos unha potencia nese senso, e iso débese, entre outras cousas, ás e aos profesionais que están traballando día a día". Amosaba así o seu agradecemento á Peña Cabalar Valle do Louro “pola súa implicación constante no desenvolvemento de actos relacionados co mundo equino" e á Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu  que “sempre foron a alma mater de que en San Bartolomeu se puidera desenvolver este evento, que é un evento moi ligado ás festas e a ese histórico barrio". Tamén agradecía a colaboración e implicación de Equigalia, e tiña palabras de lembranza para Luís Pimentel de quen dicía "foi unha persoa moi implicada no mundo cabalar e no desenvolvemento de actividades de práctica deportiva de equitación, e polo tanto a quen todos e todas lle debemos moito” e anunciaba que “nos resulta sumamente satisfactorio e emotivo dedicarlle esta primeira proba de salto".

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicaba que a carreira de San Telmo é “unha carreira popular con inscrición gratuíta, pero solidaria coa aportación dun quilo de alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño", e engadía que "é unha proba con moito tirón".

Sobre a feira cabalar resaltaba que “serán dous días, o domingo centrado sobre todo nas probas deportivas“. E destacaba "o primeiro Concurso de Salto en memoria de Luís López Pimentel" así coma os espectáculos e actividades previstas. 

Laura Solla do Club Atletismo Tui convidaba a participar nesta proba deportiva que se vai celebrar este sábado a partir das 11 h con saída dende o Paseo da Corredoira "animar a todo o mundo a que veña á carreira de San Telmo, porque é totalmente popular" destacando que "é solidaria". Até onte á noite había xa 300 persoas anotadas. A inscrición está aberta até mañá mércores ás 23.59 h na web clubatletismotui.wordpress.com.  As distancias irán dos 5 quilómetros da categoría absoluta aos 80 metros dos máis pequenos.

Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia avanzaba que participarán na feira con ponis para “animar á xente a que se meta no mundo do cabalo” e o luns de 11 a 12 h organizan un concurso no que participarán os nenos e nenas do club.

Jesús Gómez da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu explicaba que “imos procurar que saia o mellor posible” engadindo que “penso que vai a haber moita xente”  sinalando que a coincidencia o luns do festivo en Portugal, poderá permitir que se acheguen tamén xinetes lusos.

Luís Romero  da Peña Cabalar Valle do Louro explicaba que tanto o domingo coma o luns contarán coa presenza de Miron Bococi cun espectáculo de exhibición a nivel internacional no que “fai liberdade, doma vaqueira,… un espectáculo moi bonito”.  Non faltará o concurso de enganche, e a actividade de compra venda de gando cabalar.

Carreira Popular Solidaria

  • Inscrición até ás 23.59 h do mércores 20 de abril en https://clubatletismotui.wordpress.com/carreira-san-telmo/
  • Sábado 23
  • De 9.30 h a 10.45 h Acreditacións e entrega de dorsais para a carreira absoluta, e ata 15 minutos antes de cada saída para as demais.
  • Horarios das Probas.
    • Ás 11.00 h Senior, veterano, xuvenil e junior
    • Ás 11.45 h Cadete e infantil
    • ÁS 12.00 h Alevín
    • Ás 12.15 h Benxamín
    • Ás 12.30 h Prebenxamín
    • Ás 12.45 h Pitufos
  • Ás 13.00 entrega de premios para a categoría absoluta. Ao remate de cada carreira para as categorías dende Pitufos ata Cadetes.

Feira Cabalar – Programa

  • Domingo 24
    • Ás 11.00 h Partido de Horseball
    • Ás 12.00 h Poni club
    • Ás 16.00 h Exhibición Concurso de Enganches
    • Ás 18.30 h Espectáculo Miron Bococi Free Sytle Horse Show
  • Luns 25
    • Ás 9.00 h apertura da Feira. Compra e venda de gando cabalar
    • Ás 10.30 h I Concurso de Salto Memorial Luís Pimentel
    • Ás 12.00 Entrega de Trofeos Premios Mellor xinete, amazona, cabalo e poni. Premio Tratando con máis cabezas, burros, ponis e cabalos
    • Ás 13.00 h  Espectáculo Miron Bococi Free Sytle Horse Show

 

Carreira Solidaria e Feira Cabalar