Mañá sábado, 18 de febreiro, ás 12.30 h será inaugurada no Claustro da Catedral de Tui a VIII Mostra da Camelia organizada por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, coa colaboración do Concello de Tui entre outras entidades. O lema deste ano é “A Camelia na Eurocidade”. Acudirán 80 expositores de Galicia, Asturias e Portugal que amosarán unha ampla mostra desta flor e das distintas variedades.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participará mañá no acto inaugural xunto a representantes da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra, da Sociedade Internacional da Camelia, da Sociedade Española da Camelia, da Catedral de Tui e de ATUCA.
A exposición poderá visitarse mañá sábado de 16.30 a 21.00 h e o domingo de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h.
De forma paralela unha trintena de comercios de Tui súmanse a esta iniciativa engalando esta fin de semana os escaparates dos seus establecemento con camelias. A idea xurdiu do propio comercio local contando coa colaboración de ATUCA, do Concello de Tui e veciños e veciñas que doaron flor para expor nos establecementos, ao igual que o Centro O Pelouro.
Deste xeito Tui esta fin de semana sumará a todo o seu patrimonio natural, cultural e histórico un atractivo máis coma é a camelia. Así os visitantes amais de achegarse até o claustro da Catedral poderán tamén facer un percorrido pola cidade para admirar as decoracións nos comercios locais. A listaxe completa e un mapa no que se poden consultar os comercios participantes pódese consultar tanto na web municipal coma na Oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira.