Salvaterra e os salvaterrenses teñen calor e sede. Sede do bo viño do Condado do Tea da Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta tarde a alcaldesa, Marta Valcárcel, acompañada dos adegueiros e autoridades locais, cortará a fita que sinala a inauguración da Festa do Viño do Condado ás 20 horas. A felicidade da próxima colleita estará presente nos ánimos dos adegueiros. O Concello de Salvaterra pónlles todo á súa disposición para que poidan vender o viño. Toda unha promoción de balde para o sector do Viño que implica miles de persoas no municipio.
Salvaterra cultiva, poderiamos dicir, unha verdadeira cultura do viño, porque, como dixo Valcárcel ao DL-G:"O viño é un potencial económico e unha forma de entender e sentir o noso rural"
Coas notas do Grupo de Gaitas Pontenova e a alegre música da Charanga Noroeste, a comitiva vai visitar as casetas da Festa que espera miles de persoas no día grande do domingo. Invitados e autoridades despois degustaran os Condados e Albariños do Condado do Tea convidados polo Concello.
Pola noite, a veciñanza e os visitantes competirán por cadeira e mesa no recinto amurallado para degustar os caldos Rías Baixas e os produtos da Terra como a lamprea seca, o xamón, os mariscos...Xa, entón, pechados os parasoles, á luz da lúa e confortablemente sentados –por certo, non hai isto en todas as festas-, familias enteiras seguiran a música en directo de Voces do Arrieiro, La Quincallada e Os Bacalouras.
Así entraremos na madrugada e a xente terá preguiza de se levantar e marchar para casa, pois sen calor ou co tan só a calor do viño, harmonizado cos bos produtos da terra e o mar, para entón, quen vai querer marchar?
Seguro que a alcaldesa Valcárcel estará nalgunha desas mesas e ha de ser unha das últimas en marchar. Os demais, quizais, non chegarán moi cedo mañá ao recinto amurallado...pola intempestiva hora a que marcharon, pero ela si ha de estar por alí...Vendo como comeza a cata á procura dos viños Deliciosos do ano, a apertura dos das casetas e a música das charangas Alambique e, de novo, Noroeste.
Salvaterra invoca o seu padrón San Lourenzo. Él si que pasou sede na grella onde o martirizaron. O domingo escoitarase este xuramento, que aos creentes pareceralles un tanto 'sacrílego' e que pronunciará o Gran Mestre da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumantes, Antonio Alén, e que di: -Xuras polo noso padrón san Lourenzo loitar e defender os nosos viños alá onde esteas? (silencio agardando contestación). Se así o fas, que Deus che dea longa vida e sede para desfrutar. E se non, sexas condenado aos tristes eidos dos abstemios”.