miércoles. 08.01.2025

O Concello de Ponteareas premia os tres mellores relatos de medo polo Samaín na IV edición do concurso Ai amasiña que medo! Este certame, que convoca e organiza a Concellaría de Cultura, pretende fomentar a escritura imaxinativa entre alumnado dos diferentes centros de ensino primario do municipio e manter unha das datas máis salientábeis da cultura popular galega.

O primeiro premio foi para o relato “O gato da mala sorte”, de Brais Vázquez da Silva; o segundo, para “Nunca volverá”, de Martiño Rama Hombreiro; e o terceiro, para “Ai mamasiña que medo”, de Alba Campos Rodríguez. O xurado, que estivo composto por Manrique Fernández (xornalista e escritor), por Pilar Alonso (poeta) e Fernando Groba (concelleiro de Cultura e filólogo), salientou “a alta participación e a calidade dos textos que se presentaron”. Subliñou tamén que “valoramos, sobre todo, a capacidade daqueles textos que fomentan o medo mais sen a necesidade de seren sanguinarios”. Os textos gañadores publicaranse na páxina de facebook da Concellaría de Cultura de Ponteareas (https://www.facebook.com/visitponteareas/).

“Agradecémoslles, enormemente, a todas as persoas que participaron os seus fantásticos traballos, ao persoal dos centros de ensino de Ponteareas que animaron e incentivaron o seu alumnado a se presentaren e ás familias por funcionaren de motor de transmisión interxeracional tanto das nosas tradicións como da nosa lingua” comenta o concelleiro nacionalista.

Brais Vázquez, Martiño Rama e Alba Campos gañan o Ai mamasiña que medo!