domingo. 24.11.2024

A actriz Isabel Blanco será a encargada, este sábado 30 ás 12.45 h na carpa da Corredoira, de dar lectura ao pregón das Festas de San Telmo 2024. A actriz conta cunha longa traxectoria no cinema e na televisión, dende a serie da TVG “Mareas Vivas” a “Nada es para siempre” de Antena 3 ou “Efectos secundarios” e “Todos os Santos “da TVG”. Foi a presentadora de programas coma “A Repanocha”, “O Rei da Comedia”, e participou tamén no Luar. No cinema traballou con Jorge Coira en “A ti como se che di adeus?”, con Antón Reixa en “El lápiz del carpintero” ou con Carlos Iglesias en “Ispansi!” e “2 francos, 40 pesetas”. No seu haber conta con dous Premios Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina Protagonista por “Un franco, 14 pesetas” e por “Todos os Santos”.

Previamente actuará o grupo de gaitas Santa Columba de Ribadelouro acompañado polos  Xigantes e Cabezudos.

Xa pola tarde, ás 19 h, no Teatro Municipal celebrarase a IV Gala Premios Cidade de Tui na que Susana Esteban, enóloga tudense, na categoría individual, e a Asociación Amigos da Catedral, na colectiva, recibirán estes galardóns en recoñecemento ao seu labor. A continuación inaugurarase na Sala de Exposicións a mostra “Fotografía Antiga de Tui”. Se o tempo o permite a Banda de Gaitas “Arume” de Malvas e Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei, desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até a Corredoira, onde actuarán na carpa.   

No Espazo Feiral, onde se instalou unha gran carpa, ás 22 h actuará a banda galega de verbena-fusión Quinkillada coa súa nova xira Puro Inferno cun repertorio que mestura temas do seu primeiro disco “Gozar, sentir, bailar” coas cancións do seu segundo disco “Mortal Cumbia”.Quinkillada.

E a partir das doce da noite o público poderá gozar co directo de Fillas de Casandra. Sara Faro e María SOA, presentarán neste primeiro día das Festas de San Telmo 2024 o seu novo espectáculo Últimas Dionisíacas.   Na posta en escena a luz e a escenografía, súmanse á forte presencia e conexión co público de Fillas de Cassandra. Pechará a noite dj Amarok.

A gastronomía estará presente tamén no Espazo Feiral da man das asociacións culturais A Insua de Caldelas, Cristo da Agonía de Baldráns, Darraia de Tui, Laxes de Paramos, O Mosteiro de Pexegueiro,  a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, San Fins de Rebordáns, e San Roque e San Bartolomeu que ofrecerán bocadillos, pratos caseiros, sobremesas e bebidas.   Tanto este sábado e domingo coma a próxima fin de semana do 6 e 7 de abril contarán con postos gastronómicos en casetas de madeira baixo carpa a carón da gran carpa dos concerto e actuacións.

Blanco pregoeira das festas tudenses de san Telmo
Comentarios