jueves. 21.11.2024

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación, alerta da necesidade de aplicar, cando a climatoloxía o permita, o primeiro tratamento contra a scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada da vide. A aplicación debe darse nas comarcas da provincia fronteirizas con Portugal que se atopan afectadas pola loita obrigatoria que se estableceu pola detección do patóxeno, que se poden consultar de maneira actualizada na web da Consellería do Medio Rural.

En concreto, desde o pasado mes de maio xa se está a producir o nacemento e desenvolvemento das formas xuvenís do insecto vector, que poden infectar plantas sas no caso de ter adquirido o fitoplasma causante da enfermidade de plantas infectadas do ano anterior. Areeiro lembra que os tratamentos contra o S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada, pero moi convenientes en toda esta área para tentar delimitar ao máximo a extensión da enfermidade. Na páxina da Consellería tamén se pode consultar a listaxe das materias activas e formulacións autorizados para estes tratamentos.

Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas. Ademais, é fundamental eliminar nas zonas afectadas tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas. Os técnicos de Areeiro recomendan aproveitar para facer unha intervención conxunta, xa que cando rematen as choivas actuais hai que renovar as aplicacións fronte ao mildio.

Alerta da necesidade de tratar os viñedos no sur da provincia para evitar a expansión...
Comentarios