Ponteareas, a través da concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Ponteareas vén de dar conta da apertura do prazo de inscrición dos novos cursos que oferta a Aula CeMIT, situada no Centro Social na rúa Oriente. Neste mes de abril a aula CeMIT de Ponteareas ofrecerá cursos para maiores de manexo básico de Android, ordenador, navegación e correo electrónico.
Estes cursos serán presenciais e en grupos reducidos, e teñen o obxectivo de mellorar o seu manexo do teléfono móbil ou tableta e das súas aplicacións para a procura de información, para a realización de xestións coas administracións e para facilitar ferramentas dixitais que lle axuden no ámbito social e familiar.
Tamén haberá cursos en liña de iniciación ao WordPress, ao procesador de texto LibreOffice, ao retoque fotográfico Gimp e a creación de publicacións na nube (CANVA). A inscrición nos cursos pode realizarse nesta ligazón
O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 h a 11 horas e os mércores de 21.30 h a 22.30 horas.
A aula CeMIT ofrece formación informática totalmente de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía, por este motivo o responsable dos cursos recorda que as persoas interesadas poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.
“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, explica Benito Márquez, concelleiro de Innovación.
FORMACIÓN DIXITAL
O responsable de Desenvolvemento Tecnolóxico do Concello de Pontareas sianala que con estas iniciativas búscase “fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEMEs as vantaxes da Sociedade da Información” e anima a todos os veciños e veciñas a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.