domingo. 12.05.2024

Todos os concellos de Galicia sitúanse no nivel medio de restricións, agás A Mezquita, Boborás, Vilardevós, Pontecesures e Paradela que quedan no nivel máximo e Sobrado, Soutomaior, Arteixo e Chantada que están no nivel alto.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ven de informar en rolda de prensa celebrada na Coruña, das conclusións ás que chegou o subcomité clínico, logo da xuntanza mantida esta mañá. Ademais concretou que os concellos de Bóveda, Castroverde, Carballeda de Avia, Coles, Leiro e Maside van estar en especial vixilancia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado por Cristina Pérez, xefa territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, incidiu na situación preocupante da área sanitaria coruñesa, que aínda así mantén a súa actividade asistencial, realizando máis de 500 intervencións cirúrxicas nos últimos días.

García Comesaña destacou, o elevado número de cribados que se están a levar a cabo na cidade, coas máis de 2.000 PCR realizadas onte ou co cribado específico de mostras de saliva procesadas por PCR ao que se vai convocar moi pronto a unha pare importante da poboación.

O máximo responsable da sanidade pública galega anuncio así mesmo que, á maior brevidade posible, e en colaboración con AENA, comezarán a facerse tests de antíxenos no aeroporto de Alvedro aos viaxeiros que así o desexen. Posteriormente estas probas tamén se lles ofrecerán aos viaxeiros que cheguen por tren á Coruña.

Continuando coas medidas que se van poñer en marcha na área sanitaria da Coruña e Cee, o conselleiro informou da participación das oficinas de farmacia da provincia da Coruña nas probas de detección por saliva da covid dende a semana que ven.

GALICIA, PIONEIRA NO NÚMERO DE PROBAS

Como ven sendo habitual, tamén participou na rolda de prensa a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Segundo referiu, continúa o descenso da incidencia da covid, cunha diminución, na incidencia a sete días, do 19%, e do 29% de descenso a 14 días. Na actualidade, a incidencia acumulada a 7 días en Galicia sitúase en 35 casos por 100.000 habitantes e a 14 días en 83 casos por 100.000 habitantes.

Durán Parrondo recordou que Galicia segue a ser a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas está a realizar cun total de 3.365 por 100.000 habitantes respecto da media española que se sitúa nas 1.660. Nos sete primeiros días de marzo fíxeronse un total de 93.545 probas, das que máis de 44.000 foron test de antíxenos.

O xerente do Sergas, José Flores Arias, informou pola súa banda, que a ocupación das camas de hospitalización sitúase está nun 3,7% cunha caída do 16% nunha semana A ocupación das camas de críticos é do 14,2 %, cunha caída do 20% nunha semana. Subliñou tamén que o 061 recibe unha media de 2.700 chamadas diarias, da que aproximadamente un 10% están relacionadas coa covid-19.

O membro do comité clínico, Pedro Rascado, quixo facer un chamamento ao cumprimento das medidas de seguridade básica incidindo de xeito especial nas vindeiras semanas. Segundo dixo, hai que continuar mantendo a prudencia no referido a mobilidade, restrinxíndoa ás situacións imprescindibles e reducindo na medida do posible as relacións sociais fóra do ámbito dos conviventes.

Todos os concellos de Galicia, agás 9, sitúanse no nivel medio de restricións