A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran este xoves, 15 de xuño, a derradeira sesión do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, ás 19.00 horas. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.
A xornada centrarase na evolución das nosas células e por que se producen os tumores. Impartiraa David Posada González, catedrático de Xenética e investigador do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo.
O científico indica que “o noso corpo é o resultado de múltiples roldas de replicación a partir dunha única célula inicial. Durante o noso desenvolvemento acumulamos millóns de mutacións a medida que as nosas células se dividen e diferencian. En determinadas ocasións, algunhas destas mutacións alteran a función de xenes fundamentais que controlan a proliferación, diferenciación e morte celular, orixinando unha multiplicación anómala tumoral que dá lugar ao cancro”.
O investigador sinala que “os tumores evolucionan dentro do noso corpo de maneira similar ás poboacións de organismos naturais, competindo por recursos e adaptándose ao medio que os rodea”. Así, nesta charla explicará de que maneira o estudo evolutivo do cancro está a axudar aos científicos a entender mellor e a combater esta enfermidade”.
As nosas células sofren miles de millóns de mutacións cada segundo
David Posada explica que “a información xenética que conteñen as células non é constante, senón que vai sufrindo cambios ao longo da vida dunha persoa. Así, cada segundo prodúcense miles de millóns de mutacións, e non só debido á exposición á excesiva aos raios ultravioleta do sol nin polo consumo de substancias nocivas como o tabaco, senón de xeito natural. E nesta división hai erros na copia que poden desencadear nun cancro”. Nesta liña, o científico pon de relevo que “o cancro adoita manifestarse, principalmente, en idades avanzadas porque, co paso dos anos, as células van acumulando máis e máis mutacións no seu ADN que as fan máis proclives a convertérense en malignas”.
Segundo apunta o investigador, estas mutacións alteran o funcionamento das células, que se volven “desobedientes” e proliferan máis do que deberían, provocando os tumores. “O feito de que as células acumulen mutacións é un proceso natural e, probablemente, irreversible. A vida implica cancro e debemos traballar, pois, por converterlo nunha doenza crónica” -afirma-.
“As células malignas adáptanse. É un proceso evolutivo natural, polo que o reto dos científicos é estudar como é ese proceso evolutivo co fin de poder entender mellor a enfermidade, avanzar na súa detección temperá, na súa prevención e no desenvolvemento de terapias que contribúan a unha mellor calidade de vida dos pacientes” -salienta Posada-.
A inscrición para participar gratuitamente nestas conferencias debe realizarse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.