A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Mañá xoves, 6 de xuño, celebrarase a derradeira xornada desta edición, a partir das 19:00 horas. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na páxina web da Deputación-.
Os biomateriais permiten crear tumores artificiais, co fin de descubrir novas dianas terapéuticas e avanzar cara a unha medicina personalizada
Esta sesión, que leva por título “Inmunoterapia e cancro", contará coa participación de dúas científicas. Por un lado, intervirá Bárbara Blanco Fernández, investigadora do departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica do Instituto de Materiais (iMATUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre a importancia dos biomateriais para combater o cancro.
A experta explica que, “os biomateriais son substancias destinadas a interactuar co corpo humano, os órganos, os tecidos ou as células e inclúen compostos como metais, plásticos, cerámicas ou proteínas”. A modo de exemplo, indica que os biomateriais son amplamente utilizados como implantes dentais, válvulas cardíacas, suturas, biosensores, axentes de contraste, sistemas para liberar medicamentos como nanopartículas e mesmo para rexenerar tecidos.
A investigadora salienta que unha das aplicacións máis relevantes dos biomateriais é a súa utilidade para estudar e combater o cancro. Nesta liña, sinala que “o tratamento actual do cancro baséase no uso da cirurxía, quimioterapia, radioterapia e inmunoterapia. Non obstante, estes tratamentos presentan numerosas desvantaxes como a falta de eficacia en tumores avanzados e o gran número de reaccións adversas nos pacientes”. Fronte a estes tratamentos, pon de relevo que “nos últimos anos estanse a desenvolver numerosas terapias para abordar distintos tipos de tumores usando biomateriais, como é o caso de nanopartículas que encapsulan fármacos antitumorais para un tratamento localizado máis efectivo e con menos reaccións adversas; nanopartículas magnéticas para extirpar tumores; ou hidroxeles encapsulando células para combater o tumor, como as células CAR-T ou células suicidas. Estes novos sistemas mesmo poden incluír axentes de contraste para unha detección precoz do cancro”.
Bárbara Blanco pon de relevo que os biomateriais tamén permiten estudar a fisiopatoloxía do cancro. En relación a isto, explica que é posible encapsular as células tumorais para crear tumores artificiais, co fin de descubrir novas dianas terapéuticas e marcadores tumorais, que axuden no cribado de fármacos en ensaios preclínicos, ou mesmo para avanzar cara a unha medicina personalizada.
As propias células do paciente como novo paradigma no tratamento do cancro
Nesta derradeira xornada tamén vai participar Mariona Baliu Piqué, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia -Galaria EPSS- do Servizo Galego de Saúde. Vaise centrar nas células CAR-T como novo paradigma no tratamento do cancro.
A investigadora explica que “o tratamento con células CAR-T é unha inmunoterapia novidosa baseada en células que ten como obxectivo redirixir o propio sistema inmunolóxico do paciente para que poida recoñecer, atacar e eliminar un tumor”. Indica que o material de partida dos medicamentos CAR-T son as propias células do paciente, normalmente colleitadas mediante aférese, unha técnica que permite separar os compoñentes do sangue, seleccionando os necesarios para a súa aplicación médica.
“Para fabricar estes medicamentos, unha vez que as células do paciente chegan ao centro de produción, primeiro actívanse, transdúcense mediante vectores virais que codifican o receptor CAR e expándense durante aproximadamente 10 días; finalmente, criopresérvanse” -sinala a experta-. Unha vez que o paciente está listo para recibir o tratamento, o produto de células CAR-T envíase ao hospital e infúndese no seu destinatario.
A experta manifesta que as perspectivas futuras neste campo inclúen o desenvolvemento de células CAR-T fronte a tumores sólidos, terapias dirixidas a máis dun antíxeno á vez, así como outras inmunoterapias celulares, como as células CAR-NK ou a terapia TIL, unha técnica pioneira para o tratamento do cancro baseada en extraer linfocitos do propio tumor. Ademais, apunta que os tratamentos con células CAR-T están empezando a empregarse como primeira e segunda liña de tratamento en ensaios clínicos, o que podería achegar grandes beneficios terapéuticos.
A inscrición para participar gratuitamente nestas conferencias debe realizarse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/-/ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). As persoas participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.