jueves. 21.11.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este domingo novamente na petición de que se permita a mobilidade entre as catro provincias galegas. Durante a undécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo considerou que a mobilidade provincial “debería estar autorizada desde xa, en todo caso, para visitar a familiares de segundo grao, para as visitas aos menores tutelados e para visitar aos maiores que estean nunha residencia dunha provincia distinta á que viven os seus fillos ou netos”.

“E tamén entendemos que se debe permitir aos estudantes ir a recoller as súas pertenzas aos pisos ou residencias que están nunha provincia distinta á dos seus domicilios”, engadiu, lembrando que estas cuestións é algo que hai semanas que pide a Xunta.

“É difícil explicar que se poida ver a dez amigos na provincia pero fillos e pais, netos e avós non poidan verse por estar en cidades de provincias distintas, cunha situación epidemiolóxica igual e, polo tanto, sen risco para poder ir dunha á outra”, abundou.

Ademais da mobilidade, o titular da Xunta referiuse tamén a unha aclaración no tocante ao desfrute das praias, autorizado a partir da fase 2. Ao respecto, pediu aclarar as medidas publicadas no BOE, especialmente no que ten que ver coa fixación de 6 metros sobre a liña de preamar, unha limitación que non ten en conta as especificidades dos areais galegos, con moitas diferenzas entre preamar e baixamar.

Feijóo incidiu na necesidade de modificar este aspecto canto antes, ademais de alertar sobre a falla de planificación por parte do Goberno central a medio e longo prazo. Neste sentido, e ante a posibilidade de que a partir do mes de xullo España poida recibir turismo estranxeiro, trasladou a necesidade de contar cun protocolo ou cunha folla de ruta única a seguir para afrontar un posible rebrote.

En relación á situación social e económica, o responsable do Goberno galego lamentou o pouco que se sabe sobre o plan do Executivo central sobre o Ingreso Mínimo Vital e o reparto do fondo de 16.000 millóns de euros que se transferirán ás comunidades.

“Sobre o Ingreso Mínimo Vital, e pese a que se vai aprobar supostamente o martes, non sabemos cal é o seu deseño, nin se se vai solapar coa Renda de Integración Social de Galicia (Risga)”, expuxo, reiterando a necesidade de que este mesmo mes se coñezan os criterios de reparto dos 16.000 millóns; “é dicir, coñecer que cantidade de diñeiro nos corresponde para poder xestionar programas de recuperación económica e social”, precisou.

Por último, e despois de que o Goberno central anunciase que nos próximos días varias comunidades autónomas poderán saír do estado de alarma, o presidente da Xunta trasladou a vontade de que Galicia sexa unha delas.

A Xunta reclama ao Goberno a mobilidade provincial