viernes. 26.04.2024

Un proxecto educativo integral no que a innovación, a participación e a implicación de nenas, nenos e docentes son a base principal. É do que desfruta o alumnado do CEIP Santiago de Oliveira, que dende hai anos aposta pola innovación educativa nas súas aulas e que vén de rematar o seu primeiro curso como centro E-Dixgal, un proxecto que lle permitiu incorporar recursos dixitais ao seu día a día nas aulas.

“É unha maneira diferente de educar aos nenos e nenas e de aprender a través das TIC, dándolle novas opcións. Esta fórmula non só lle permitiu ao alumnado traballar con libros dixitais e dun modo complementario a outros modelos, senón que nos permite ao profesorado introducir novas materias, novas ideas”, salienta a directora do centro, Elizabeth Pregal.

Unha iniciativa coa que docentes, pais e nais están moi contentos e ilusionados que decidiron incorporar ás aulas de 5º e 6º de Primaria tras detectar unha importante brecha dixital no salto ao instituto entre aquelas nenas e nenos que empregaban as TIC e os que non. “As novas tecnoloxías achéganlles novas competencias, novas vivencias, e ofrécennos unha posibilidade infinita de opcións. Utilizáronas como unha ferramenta máis e non só enriqueceu moito aos nenos e nenas, senón que lles deu moita autonomía”, explica Pregal.

O CEIP Santiago de Oliveira destaca pola súa participación en programas educativos para fomentar a innovación e na incorporación ás aulas de todas as iniciativas que consideran boas para o seu alumnado. E iso nótase ata no proxecto educativo, que contempla que os nenos e nenas do centro vaian pasando por distintas fases ao longo da súa vida no centro. O alumnado de 1º e 2º comezan co método Montessori e avanzan dun xeito innovador ata chegar en 5º e 6º ás TICs.

Participan no proxecto Biblioteca Creativa, para fomentar a cultura da experimentación e a investigación, a robótica e a linguaxe de programación nas biblioteca escolar; no plan Proxecta da Xunta para promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais presentes e futuros ou na iniciativa Arco para a mellora do rendemento académico e que permite ter a un docente de apoio para os nenos e nenas con algunha necesidade dentro da aula.

Pero no colexio non soamente aprenden os rapaces e rapazas. O CEIP participa tamén nos contratos programa da Consellería de Educación os centros conseguen as ferramentas necesarias para desenvolver un plan de mellora do proxecto educativo. “Somos un centro moi activo. Non pechamos as portas a nada, calquera proxecto que podamos ir incorporando para ir mellorando é benvido e sempre o acollemos con ganas”, asegura a directora.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, quixo resaltar o bo facer deste centro escolar “amplo, preparado e con profesionais que se esforzan a diario para ofrecer ao nosos nenos e nenas un proxecto educativo interesante, consolidado e en evolución constante. E todo nun enclave único como é o rural de Ponteareas”.

Aprender a través das TIC, dándolle novas opcións o alumnado