Pepe Coira (Rábade, Lugo, 1963) é un creador e guionista galego de series televisivas e cinema. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC e diplomado en Historia Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid.
Foi crítico cinematográfico nun xornal de Santiago e traballou para a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (1988-1997). Foi director do CGAI e profesor da Escola de Imaxe e Son ata o ano 2000. Foi profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra (2004-2007) e no mestrado de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña.
Foi guionista dos programas da TVG Extramuros (1987) e Luces da Cidade (1988-1989). Traballou como produtor executivo e editor de guión en series televisivas de ficción (Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu e As leis de Celavella) e documental (Vida nas mareas e O mundo de Celavella) e da longametraxe De bares.
En 2006 comezou a traballar para o grupo Filmax como xefe de desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV.
Diario Luso-Galaico entrevistouno no CEIP Igrexa-Candeán onde protagonizou unha actividade escolar cos alumnos.
Coira ve o guionista coma unha parte máis dunha obra colectiva. Atopa máis coincidencias que diferenzas á hora de facer cinema ou televisión. A capacidade creativa posta a favor da pegada persoal do guionista varía moito se se trata dun encargo ou da libre ocorrencia.
Fronte á inspiración prefire fiar todo a unha boa documentación. O seu gusto é polo realismo ou naturalismo fronte ao mundo fantástico.
A capacidade de influencia na sociedade é para Pepe Coira a participación na “construción do universo cultural”. Repite: “Somos as ideas que temos”, polo tanto a influencia é do conxunto, da tendencia.
Entre ficción e xornalismo, o creador valora a virtude de acoutar que ten o xornalismo, que, en si mesma, é unha intervención no relato. Por iso cre que xornalismo é un xénero literario aínda que non se considere así. “É un exercicio de construción”, declara. Todos os casos de escritura, coma no xornalismo, converte en texto un relato.
Sobre o audiovisual galego, Coira explica que “vive o mellor dos posibles momentos dos que ata agora houbo”. Consciente da falta de tradición y de que no século XX quedou na periferia, sendo tan só bos espectadores e Galicia un bo escenario. Mais non xeramos historias. E agora hai moitísimos bos profesionais do audiovisual en Galicia que aproveitan no exterior da nosa comunidade a etiqueta de calidade.
Pepe Coira cre que é froito de algo tan básico como a decidida aposta por parte da televisión pública galega. O oficio, di, é moi artesanal e apréndese facéndoo.
As audiencias son de varios tipos, ao seu xuízo. A súa “é como o vello público do cinema, xente que vai ás series coma ás novelas ou películas, esixente e cuns gustos determinados”.
Outro tipo de público é o que busca a repetición. Aínda hai outro que, se recoñecen o final, deixan de interesarse.
Logo está o público novo que ten un xeito de ver de forma fragmentaria, con pouca concentración...
Sobre Portugal, Pepe valora que “é un veciño moi querido e no cinema e no audiovisual é moi poderoso con bos cineastas”.