Na charla que Martín, policía local, deu no Colexio M. La Estila comezou dicindo que sempre se cometen os mesmos erros e as veces as bobadas rematan en cousas graves. O lecer nocturno é pasalo ben ata altas horas da noite e en Galicia está regulado pola Lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, sendo triste que noite tras noite non se teña en conta.
Este ten lugar na vía pública, discotecas e pubs. Nestas hai un porteiro por un tema de seguridade e se hai normas ten que haber un árbitro. Sobre o dereito ao descanso pasa o mesmo que no fútbol, no que os seareiros do Madrid e o Barça veno todo distinto. Así mentres os veciños din que a policía non fai nada, os bares quéixanse de que cinco minutos despois da hora xa vén a pechar.
A Lei 11/2010 fíxose a toda presa nunha situación de alarma social, por un dato que dicía que os novos comezaban a beber aos 14 anos; prohibindo a entrada dos menores en salas de festas, agás que estean acompañados de maiores de idade con responsabilidade sobre estes. Pola súa parte, Asturias e Castela-León permiten a entrada a partir dos 16 anos.
Falsificar o DNI para poder entrar nun local é delito con penas de tres a cinco anos; o cal fai que os antecedentes penais deixen de estar en branco e non se poida viaxar a EEUU ou presentarse a oposicións. Igual que usar o DNI de outro ou cedelo.
Levar sempre o DNI, o pasaporte ou o carné de conducir físico é moi importante. Se che atropela un coche e lévanche en ambulancia ao hospital e perdiches o móbil co DNI electrónico, durante o traxecto non poden consultar o teu historial médico para ir preparando a operación; o cal pode salvarche a vida. Por iso hai que andar sempre identificado, aínda que sexa cunha fotocopia.
Dende as 22 h ás 9 h do día seguinte non está permitido vender alcohol e os menores non poden beber alcohol. Colaborar sempre coa policía é fundamental e se un leva unha bolsa chea de cervexas non pode dicir que é para a súa avoa, pois nese caso non acabará nunha advertencia.
A Ordenanza municipal de convivencia de 2009 de Santiago sobre o ocio na vida pública, ten as variables do ruído e a insalubridade. Nun día de botellón grande os servizos de limpeza recollen oito toneladas. Cando pola noite hai moito ruído, a xente non pode durmir no seu domicilio. As veces nos portais hai ata tres litros de tanto mexar; habendo veciños que se teñen que levantar antes para limpar, o cal é unha absoluta falta de respecto.
Os perigos do ocio nocturno son moitos. De noite o consumo de alcohol e drogas aumenta; igual que os comas etílicos, que poden ser mortais. O corpo non está preparado para esa inxesta de alcohol, sobre todo o dos novos. O 70% dos furtos na cidade tamén son en horario nocturno. Os ladróns, de noite, aprovéitanse e unha vez colleron a un con sete móbiles roubados nun pub.
O alcohol e as drogas son un axente potenciador da violencia que pode provocar lesións con penas de prisión dende 3 a 6 anos. Unha vez que a Rosa tocáronlle o cu, saíu fóra da discoteca, chamou á policía, e esta acudiu e levouse ao culpable. Actuar así é o correcto porque nunca sabemos a quen temos diante nin o seu nivel de alleamento. Ao mellor nunha liorta é retirarse, pois houbo casos nos que sacaron un puñal.