Apelidábase Cardenal, pero non pasou de sacerdote, aínda que foi ministro.
Cúmprese este ano o centenario do nacemento de Ernesto Cardenal, o sacerdote revolucionario nicaragüense que foi ministro de Cultura no primeiro Goberno do FSLN. Cardenal estaba considerado ademais un dos mellores poetas latinoamericanos da segunda metade do século XX. Entre os seus poemarios destacan Hora Cero (1960), Epigramas (1961), Oración por Marilyn Monroe (1965) e Canto Cósmico (1989), aínda que recoñezo que eu non coñezo apenas a súa obra. Iso si, hai un epigrama seu que me encanta e non me resisto a reproducir: “Al perderte yo a ti, / tú y yo hemos perdido: / yo, porque tú eras / lo que yo más amaba, / y tú, porque yo era / el que te amaba más. / Pero de nosotros dos, / tú pierdes más que yo: / porque yo podré / amar a otras / como te amaba a ti, / pero a ti nadie te amará / como te amaba yo”.
O poeta foi un dos máis coñecidos representantes da teoloxía da liberación, esa corrente de pensamento dentro do catolicismo latinoamericano que simpatizou con moitos movementos revolucionarios do continente nas décadas de 1960, 1970 e 1980 (ou, se cadra, foi utilizada por eles). Mentres que os católicos tradicionalistas redúcena a unha simple estratexia de infiltración do comunismo na Igrexa, os progresistas téñena nos altares. O certo é que non é doado tirar conclusións. Eu mesmo non penso dela hoxe o mesmo que pensaba hai vinte anos. Pero unha cousa si teño clara: máis alá dos seus erros ou pecados, deixou un regueiro de mártires.
O caso é que Cardenal abrazouna e comprometeuse políticamente coa revolución que fixo o FSLN en Nicaragua. Tras facerse monxe trapense nun mosteiro estadounidense en que foi discípulo de Thomas Merton e despois fundar a súa propia comunidade contemplativa no seu país, en Solentiname, foi un dos catro sacerdotes que se converteron en ministros do Goberno revolucionario logo do triunfo armado do Frente en 1979, canda o seu irmán Fernando Cardenal, Miguel D’Escoto e Edgar Parrales. Dirixiu o Ministerio de Cultura entre 1979 e 1987. Antes, outros dous sacerdotes loitaran mesmo como soldados na revolución sandinista: o asturiano Gaspar García Laviana, que morreu en combate en 1978, e o vasco José Antonio Sanginés Sáenz de Viguera, quen sobreviviu á guerra contra a ditadura de Somoza e despois aínda combateu os contras durante os anos 80.
En 1984, Ernesto Cardenal –canda os outros tres sacerdotes ministros do Goberno sandinista– foi suspendido a divinis polo Juan Pablo II por se negar a deixar o seu cargo de ministro, que o papa consideraba incompatible coa súa condición sacerdotal, mais alá do permiso extraordinario que lles concedera nun principio para desempeñar os seus cargos durante un tempo limitado. A fotografía de Cardenal axenlloado diante de Xoán Pablo II no aeroporto de Managua durante a visita do papa a Nicaragua un ano antes deu a volta ao mundo. O ministro poeta procuraba a bendición do papa e levou unha reprimenda pública.
Ernesto Cardenal rompeu co FSLN en 1994, denunciando que o partido estaba secuestrado por un pequeno grupo de dirixentes encabezado por Daniel Ortega, ao quen acusaba de impor unha dirección “verticalista, autoritaria e caudillista”. Esta deriva totalitaria de Ortega se agudizaría especialmente a partir de 2018, cando pasou a reprimir brutalmente todo tipo de oposición e moi especialmente a Igrexa católica, a mesma da que nos anos 80 saíra un grupo de sacerdotes comprometidos coa Revolución sandinista.
Moitos pensaban que o ministro poeta morrería afastado da Igrexa, mais en febreiro de 2019 sóubose que o papa Francisco lle levantara a suspensión a divinis. Pouco antes, o obispo auxiliar de Managua, Silvio José Báez –hoxe no exilio– visitouno no hospital, onde estaba ingresado por fallos renais e cardíacos, e pediulle a súa bendición sacerdotal, ao que Cardenal accedeu. Así que o poeta morreu –un mes despois de saír do hospital, en xaneiro de 2020– como sacerdote.
Tamén Fernando Cardenal, ministro de Educación do Goberno sandinista de 1980 a 1990, reconciliouse coa Igrexa, no seu caso moito antes de morrer en 2016. Tras abandonar o FSLN de Ortega polas mesmas razóns que o seu irmán, en 1997 foi readmitido na Compañía de Xesús –da que fora expulsado en 1985–, coa particularidade de que tivo que comezar de novo como un simple novicio.
Hai cen anos que naceu Ernesto Cardenal, o sacerdote revolucionario e o poeta cósmico, polo título do seu libro de 1989 e especialmente pola súa dimensión poética. Lembremos o seu testemuño ético, primeiro a favor e despois en contra do FSLN, e, sobre todo, leamos os seus poemas. Será a mellor maneira de homenaxealo.