A Ría de Muros Noia vén de poñer a disposición dos campings, hoteis, hostais e casas de turismos rural da comarca unha nova edición e actualizada dos talonarios de mapas turísticos dos cinco municipios. Trátase dunha tirada de 45.000 exemplares, dos que por primeira vez parte deles estarán en inglés, francés e alemán.
A presidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, estivo acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, no acto de entrega destes mapas turísticos. Teresa Villaverde explica que “a novidade de editar estes mapas noutros idiomas está motivada polo incremento significativo dos turistas estranxeiros que mostran os informes das oficinas de turismo dos distintos concellos”.
Un feito ao que hai que sumar o crecemento da náutica deportiva e a consolidación como destinos do Real Club Náutico de Portosín ou na Mariña de Muros, con embarcacións en tránsito pola costa galega, especialmente de afeccionados á vela do norte Europa. Un feito que reafirma novamente a aposta dos peregrinos polo Camiño Marítimo a Santiago pola Ría Muros Noia. “Todo isto, unido ao impulso das escolas de surf e ao efecto multiplicador de dous anos de Xacobeo, supón un aumento na chegada de visitantes doutras nacionalidades, como ben notamos en Noia”, engade Santiago Freire.
ACTUALIZACIÓN DA INFORMACIÓN
Estes mapas, que supón un importante ferramenta de traballo para os establecementos hoteleiros da zona, tamén foron actualizados. Así inclúen un debuxo con lendas de novos e destacados elementos como o espectacular Miradoiro do monte A Muralla (Lousame) ou o Estaleiro do Ciprián (Outes), que vén de abrir as súas portas tras ser rehabilitado e acondicionado como museo da carpintería de ribeira.
Tamén se recollen outros puntos de interese como a fervenza de Ribasieira (Porto do Son), os Hórreos de Bornalle (Muros), un conxunto de 22 hórreos en pequenos grupos repartidos por todo o pobo, ou os antigos muíños de Pedrachán (Noia), un barrio extramuros da antiga cidade medieval noiesa, ou os muíños de Albeida, no lugar de Rates (Outes) e punto de partida dunha coñecida ruta de sendeirismo.
Finalmente, a presidenta da ARD Ría de Muros Noia destaca que “a edición destes mapas en diferentes idiomas e o seu reparto supón un esforzo para a Asociación pero, ao mesmo tempo, é dar resposta a unha necesidade real nestes tempos para atender aos novos visitantes desta comarca”.