O Concello do Porriño continúa a súa programación "8M, 365 días" con actividades que buscan promover a igualdade de xénero máis aló do Día Internacional da Muller.
Mañá xoves, a partir das 17:00 horas, a praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá xogos tradicionais con enfoque de xénero para os máis pequenos. Os "Xogos de Sororas" fomentarán a igualdade a través de xogos populares, incluíndo o xogo "Sororas na Memoria", que dará a coñecer mulleres galegas clave na historia, segundo a concelleira de Igualdade, Carolina González.
O venres, no mesmo lugar e ás 20:00 horas, a cantante LAW ofrecerá un concerto que mesturará reggae, r&b, psytrance e música tradicional galega, reivindicando a igualdade e celebrando o papel das mulleres artistas.
O alcalde Alejandro Lorenzo anima á veciñanza a participar, destacando o compromiso do Concello con construír un Porriño máis igualitario e libre de violencia machista.
As actividades continuarán en xuño co acto "Mulleres da vila" e a iniciativa educativa "Banco de Igualdade", que levará bancos de madeira decorados con mensaxes de igualdade aos centros educativos do municipio.