A Biblioteca Municipal de Tui acollerá mañá xoves, 13 de marzo, ás 19:30 horas, a presentación da nova novela do escritor tudense Diego Alfonsín, titulada "Birken". A obra, publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Literaria Ronsel, narra a historia de Birken, un personaxe que busca respostas ás grandes preguntas da vida.
No acto, o autor estará acompañado por Evangelina Rivero Alonso, e a presentación está organizada pola Librería Nobel en colaboración co Concello de Tui.
Diego Alfonsín (Tui, 1980) é un escritor con recoñecida traxectoria literaria, que inclúe novelas, contos e ensaios tanto en galego como en castelán. Licenciado en Filoloxía Galega e Xornalismo, actualmente exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega. Entre os seus galardóns destacan o Premio de Novela Miguel de Unamuno por "Lenta demolición" e o Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta por "Non o saben as estrelas".
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, destacou a "alta calidade" da obra de Alfonsín, que o consolida como "unha voz propia no panorama literario de Galicia".