O Consorcio de Santiago destinará este ano un total de 35.000 euros á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica a través do seu 'Programa Localízate'. As solicitudes e a documentación poderán presentarse no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da Rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 12 de xuño.
Con motivo do estado
de alarma, momento no que as bases desta convocatoria de axudas estaban sen publicar,
interrompéronse os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do
sector público. No Real Decreto 465/2020, de 17 de marzo, establécese que as
entidades do sector público poderán acordar a continuación daqueles
procedementos administrativos que se refiran a situacións estreitamenta
vencelladas ao estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección
do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos. Así, o Consorcio
xustificou o desbloqueamento dos prazos
administrativos do “Programa Localízate” en base á “urxencia que teñen os comerciantes
por adaptar os seus locais ás esixencias da nova normalidade”.
ADAPTACIÓN
Desde o Consorcio salientan que “a declaración do
estado de alarma derivado da crise sanitaria global desatada polo COVID-19 tivo
como consecuencia un desplome fulminante da actividade comercial e económica,
coa consecuente perda de empregos. Para retomar con seguridade sanitaria moitas
das actividades comerciais, boa parte dos locais e dependencias deberán ser debidamente
adaptados con instalacións de separación de persoas e bens, de distanciamento
persoal, mecanismos permanentes de desinfección, definición de novos itinerarios
de entrada e saída… Estas subvencións permiten acometer os investimentos derivados
destas adaptacións, supoñendo un aforro aos promotores, esencial no contexto de
perda e merma de actividade”.
“As actividades de servizos (de formación, culturais, sanitarios, deportivos…),
os talleres artesanais e o comercio de proximidade son o motor da actividade
económica e sen a súa participación activa na vida cotiá ningunha política de
rehabilitación sería válida” -sinalan desde o Consorcio-.
Esta
liña de axudas incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade
histórica, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da
súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, xunto a obras de acondicionamento
acústico. Inclúense os honorarios de redacción do proxecto e a dirección
técnica da obra. A Oficina Técnica
do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no
caso das obras de pequena entidade.
REQUISITOS
Para acollerse a estas axudas, os locais deben ter condicións
suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á chuvia. O edificio
no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior a 20
anos; ademais de estar en planta baixa, semisoto ou primeiro soto e ter fachada
á vía pública.
O local debe estar destinado ou destinarse a algún dos
seguintes usos regulados na Normativa Urbanística do Plan Especial de
Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago: comercial,
oficinas, actividades industriais e talleres de artesanía compatibles coa
vivenda, docente, sanitario, asistencial, sociocultural ou deportivo.
En relación ao uso comercial dos locais, subvencionarase
o comercio polo miúdo de froitas e verduras, carnes e peixes; pan, pastelería e
similares; leite e produtos lácteos; bebidas e produtos alimenticios; téxtiles
e calzado; droguería, cosmética, limpeza e pinturas; artigos de hixiene e aseo
persoal; herbolarios; artigos para o equipamento do fogar e a construción;
accesorios e pezas de reposto para vehículos, maquinaria; mobles e enseres
domésticos; instrumentos musicais; mobles e equipamentos de oficina; aparatos e
instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos; libros, xornais e
artigos de papelería, debuxo e belas artes; xoiería; xoguetes, deportes,
plantas, pequenos animais e reparación de artigos eléctricos para o fogar.
Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a
repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico
local. O orzamento mínimo subvencionable será de 600 € e o máximo de 30.000 €.
A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.