A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse esta semana co presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, e co presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, cos que debateu sobre o futuro do mar de Galicia e os retos para o sector marítimo-pesqueiro no contexto actual derivado da alerta sanitaria do coronavirus. Nesta liña, un dos temas que abordaron foi o dos apoios do plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada da Covid-19 e fixeron fincapé na importancia de realizar o maior aproveitamento posible destes fondos co obxectivo de que o sector volva á situación previa á pandemia o antes posible.
Na xuntanza a conselleira e os presidentes das federacións tamén debateron sobre a necesidade de estreitar e impulsar agora máis que nunca a colaboración entre o sector, a administración e os científicos para dotarse de argumentos cos que defender os intereses e a realidade do mar de Galicia ante as distintas institucións españolas e europeas. Neste sentido, valoraron a importancia de seguir traballando para que nas decisións que se tomen relativas ao mar se teñan en conta, ademais dos aspectos medioambientais, os económicos e sociais. Este tipo de encontros teñen como obxectivo intercambiar impresións de primeira man cos representantes das confrarías e coñecer as súas inquedanzas coa finalidade de buscar a solución máis axeitada e seguir avanzando na pesca profesional.