sábado. 21.12.2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que recolle as bases reguladoras para a concesión de axudas aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia que seguiron faenando durante a alerta sanitaria polo coronavirus, así como ás redeiras da comunidade, co obxectivo de compensar a perda de ingresos que sufriron como consecuencia da pandemia. Os interesados en acceder a estes apoios contan cun mes de prazo, que comeza a contar desde mañá, para presentar as súas solicitudes.

A orde de achegas forma parte do plan Avantemar deseñado por Galicia para impulsar a recuperación do seu complexo mar-industria trala crise sanitaria e que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para este ano e 14 millóns para 2021. O seu obxectivo é atender a todos os sectores e subsectores do eido marítimo-pesqueiro e fai especial fincapé naqueles profesionais que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Os buques que mantiveron a actividade durante o estado de alarma pola covid-19 e as redeiras non están entre os beneficiarios dos apoios deseñados polo Goberno central, polo que a orde de achegas publicada polo DOG e financiada con fondos propios destina 7,3 millóns de euros aos armadores de barcos que seguiron activos durante a pandemia e 400.000 euros para as redeiras que viron como caían os seus pedidos como consecuencia de que moitos pesqueiros pararon totalmente a súa actividade.

Os barcos que seguiron faenando para subministrar alimentos de calidade á cidadanía e que sufriron perda de ingresos poderán beneficiarse desta convocatoria sempre que teñan base en Galicia, estean inscritos no rexistro de buques pesqueiros de Galicia e que no período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio deste ano sufrisen unha caída na facturación superior ao 25% polas vendas efectuadas en lonxas de Galicia en relación á media obtida no mesmo período dos tres exercicios anteriores (2017, 2018 e 2019).

A contía mínima a percibir por buque é de 500 euros e a máxima de 40.000 euros, en función da actividade que tivesen os buques nos tres anos anteriores no mesmo período de tempo. O apoio máximo por empresa será de 120.000 euros, independentemente do número de barcos que posúa, de acordo co que establece a normativa europea.

No caso das redeiras, poderán beneficiarse destes apoios as autónomas e asociadas a algunha das entidades galegas deste ámbito que desempeñasen a actividade de armado de redes no ano anterior á data de presentación da solicitude e que non se puideron beneficiar do cese de actividade habilitado trala declaración do estado de alarma. Deste xeito poderán acceder a un pago único de 450 euros por redeira co que se pretende compensar a menor actividade rexistrada durante a alerta sanitaria polo coronavirus.

OUTRAS MEDIDAS

Entre as medidas de apoio ao sector incluídas no plan Avantemar tamén está unha partida de cinco millóns de euros destinada ás mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno do Estado, 600.000 euros para as confrarías e entidades xestoras de lonxas e oito e seis millóns de euros respectivamente para os sectores transformador e de acuicultura, uns apoios que neste caso se adían a 2021 co obxectivo de paliar as caídas na facturación que rexistren durante todo este ano como consecuencia da alerta sanitaria.

A finalidade do plan de dinamización do complexo mar-industria de Galicia é que a actividade do sector poida volver o antes posible aos niveis previos á declaración do estado de alarma pola covid-19 e que ninguén quede atrás no camiño desa recuperación.

Plan Avantemar, 77 M€ para impulsar a recuperación do seu complexo mar-industria trala...