miércoles. 01.05.2024

No marco das celebracións da “Noite Galega das Persoas Investigadoras 2023”, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) promove esta tarde un coloquio-debate baixo o título “O meu futuro nunha carreira investigadora?”. Terá lugar ás 18:00 h no CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago-.

O encontro reunirá a investigadores mozos e sénior da Universidade de Santiago, que debaterán sobre os retos, atrancos e oportunidades que presenta a investigación na nosa comunidade. Estarán o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e académico da RAGC; Pablo Taboada, director da Escola de Doutoramento da USC; Alberte Regueira, axudante doutor de Enxeñaría Química; Andrea Núñez, investigadora de Filosofía; Stefania Barca, investigadora de Historia Contemporánea; e Javier Dubert, investigador de Microbioloxía e vogal de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación.

A encargada de presentar e moderar o debate será María Loureiro, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e académica da RAGC, coordinadora desta iniciativa. A través desta actividade -dirixida en particular ao estudantado universitario, doutorandos e investigadores novos- búscase incrementar o interese pola investigación e a ciencia, tendo en conta a diminución das vocacións científicas. Nesta liña, e tal como salienta a profesora Loureiro, “resulta moi enriquecedor achegármonos ás experiencias individuais e persoais de investigadores e investigadoras en distintos campos do coñecemento e con distintas vías de entrada na carreira investigadora”.

En Galicia temos mozos e mozas referentes en biomedicina, farmacia e farmacoloxía, lingüística computacional ou intelixencia artificial

Pablo Taboada, director da Escola de Doutoramento da Universidade de Santiago, indica que “o nivel da investigación na nosa comunidade é moi alto, pero os mozos estanse a atopar con moitas dificultades para realizar a súa formación posdoutoral no estranxeiro, enriquecerse con outras experiencias e logo reverter os seus coñecementos de novo en Galicia. As Administracións Públicas non lles ofrecen o apoio que precisan para dar eses pasos. Temos investigadores de moitísimo talento traballando noutros puntos de España, Europa ou nos Estados Unidos que non dispoñen dos mecanismos nin do financiamento necesarios para regresar, xa que as universidades presentan importantes restricións contratuais -porque dependen da Lei de Administración Pública- e os seus orzamentos dependen do financiamento autonómico”. Manifesta ademais que a oferta da Xunta de Galicia para realizar estadías posdoutorais no estraxeiro son moi reducidas fronte ao número de solicitantes, ao tempo que a convocatoria estatal xa desapareceu, o cal “xera importantes atrancos para que os mozos poidan seguir formándose unha vez realizada a súa tese de doutoramento”.

“En Galicia increméntase a produtividade científica e o seu impacto no tecido socioeconómico tanto galego como nacional. Ademais dos sénior, temos mozos e mozas referentes nos seus campos de coñecemento, en moitos casos a un nivel por riba da media nacional como é nos eidos da biomedicina, farmacia e farmacoloxía, lingüística computacional, intelixencia artificial… Pero se desde o goberno das universidades e das Administracións Públicas non se apoia coas medidas oportunas, corremos o risco de perpetuar problemas endémicos como a perda de talento ou a falta de rexeneración do persoal investigador” -apunta Taboada-.

O director da Escola de Doutoramento da USC remarca que “na Universidade de Santiago deféndense máis de 300 teses de doutoramento cada curso, algúns estudantes conseguen contratos posdoutorais pero a maioría vense abocados a cambiar a súa traxectoria profesional. Son moitos os rapaces e rapazas cunha formación e uns coñecementos extraordinarios que queren seguir unha carreira investigadora, non obstante, non hai o financiamento nin os instrumentos axeitados que o fagan posible”.

Javier Dubert, representante de InvestiGal: “Os universitarios non saben cal é a realidade da carreira investigadora, o que deriva en problemas de ansiedade”

Pola súa parte, Javier Dubert, investigador de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vogal de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, sinala que existe unha visión moi negativa da carreira investigadora. “Eu xa pasei por todas as etapas e penso que cómpre afrontala como unha planificación e con positivismo. É unha carreira de obstáculos, que implica moitos anos de esforzo e manterse é complicado, pero resulta moi bonita e satisfactoria” -explica-. Nesta liña, indica que “ao alumnado universitario débeselle informar de como é a súa carreira desde o principio, para que poida planificarse de cara a conseguir os seus obxectivos. Porque non saben o que implica facer unha tese de doutoramento nin cal é a realidade da carreira investigadora, o que deriva en problemas de ansiedade”.

“En España, coa crise económica, houbo moitos recortes en investigación e, como consecuencia, a competitividade é enorme. Os contratos son curtos e esta inestabilidade laboral supón un estrés engadido ao traballo diario. Son etapas que hai que pasar pero con esforzo conséguese. Estou convencido de que se pode facer unha carreira investigadora e vivir da investigación” -asegura Dubert-.

 

Javier Dubert realizou a súa etapa posdoutoral nos Estados Unidos e para el foi “a experiencia máis positiva da miña vida, tanto a nivel profesional como persoal”. Así, destaca que ten “unha rede de contactos que nunca tería conseguido con outro tipo de traballo, posto que os investigadores movémonos en ambientes moi interdisciplinares”. E manifesta que “é unha satisfacción ir logrando resultados no laboratorio e ter contactos internacionais, apórtannos unha visión moi aberta de todo, e isto compensa a inestabilidade que temos”.

'Noite Galega das Persoas Investigadoras'
Comentarios