Despois de tres anos de silencio, Galicia Fórum Gastronómico volveu este domingo ao calendario dos grandes eventos, reafirmándose como punto de encontro imprescindible para os profesionais do foodservice, que encheron os corredores de Expocoruña buscando as novidades e tendencias do sector, nunha xornada chea de actividades entre as que non faltaron os dous certames desta edición, Premio Cociñeiro Galego 2022, patrocinado por Gadis, e cuxo gañador foi Moncho Méndez, do restaurante Millo, e o Concurso de Pulpeiras, que premia a habilidade na elaboración e servizo do Polbo á Feira, que gañou Gutier Domingos, de Pulpería
Taboada (Melide), seguido por María Isaura (de José Ramón e Isaura Pulpeiros do Carballiño) e Jaime
Méndez (de O Almacén do Avó, de O Grove), que se impuxeron a Javier Blanco, Vanessa Ferreiro, Iria
Antas, Antonio López e Manuel Augusto. O certame está patrocinado por Aceites Abril e Pimentón de
la Vera.
Ademais de catas, talleres e showcookings, a xornada inaugural incluíu varios relatorios nas que estivo moi presente a sustentabilidade, eixo desta edición, e na que participaron recoñecidos nomes do sector, como Javier Freijeiro, Moncho Bargo, Rogelio Santos, Adrián Felípez, Kike Vázquez e Ana Señarís, ou as Cociñeiras do Camiño, entre moitos outros.
Pola súa banda, a chef estrela Michelin Lucía Freitas realizou unha emotiva intervención na que falou da importancia que ten o seu mercado, a Praza de Abastos de Santiago, nos seus restaurantes e na súa traxectoria vital e profesional. A través da súa visión e filosofía de traballo, Lucía puxo en valor ese mercado como espazo económico, social e emocional que “temos a obrigación de coidar como sociedade”. Así, a modo de homenaxe convidou a varias a subir ao escenario para visibilizar “unha parte fundamental da alta gastronomía".
O broche de ouro da primeira xornada chegou da man do canadense François Chartier, presidente Chartier World LAB Barcelona, creador da ciencia aromática de Armonías Moleculares, e Mellor Sumiller do mundo 1994 (Grand prix Sopexa), que falou da Biodiversidade: o elo perdido do concepto global do terroir, e do televisivo Jordi Cruz, chef do restaurante ABaC, con tres estrelas Michelin, que ofreceu un relatorio sobre Modernidade, tradición e produto, presentada por Pep Palau, e que arrincou calorosos aplausos do público presente.
LUNS
Galicia Fórum Gastronómico continuará hoxe a súa andaina con novas propostas repartidas nos seus sete espazos, e na que a gastronomía líquida terá gran protagonismo coas propostas do Wine Circus, que incluirá a final da Batalla de Sumilleres, a celebración do décimo aniversario do INGAVI e varias charlas, entre elas as de Audrey Dourei & Marta Cortizas, Tomás Ucha & Mario Ayllón, Manuel Otero, Mariña Fernández, Xoán Cannas, e Josep Roca, de El Celler de Can Roca e Mellor Sumiller do Mundo.
Ademais, Hijos de Rivera, que durante o tres días conta con espazo propio, o seu Craft Beer Market, para pór en valor a hostalaría galega e divulgar a gastronomía con impacto positivo e a cultura cervexeira, organizou para este luns pola tarde, ás 16.00 horas, unha sesión de Imperfectxs de Cervexas 1906, o proxecto de concienciación que comparte a iniciativa de grandes figuras da cociña por xerar un impacto positivo real na sociedade e na súa contorna natural. Así, Ángel León de Aponiente en el Puerto de Santa María, Vicky Sevilla de Arrels en Sagunto, Diego Guerrero de Dstage en Madrid e Pepe Solla de Casa Solla en Pontevedra, compartirán cos asistentes as súas reflexións e boas prácticas ao redor de temas como a conservación da contorna natural, o desenvolvemento económico local e o aproveitamento dos recursos.
Por outra banda, o Cocktail Bar Fórum, dirixido por Bordello Parlour, contará con novas propostas na súa barra (situada na área de restauración do Cook Trends), pola que o luns pasarán Ángel Mato, Diego Abal, Pili Fernández, Pablo Agromayor e Pablo Gago.
Aberto ao público de 10.00 a 20.00 horas, Galicia Fórum Gastronómico conta con sete espazos, 27 estrelas Michelin e a sustentabilidade como eixo central, e volverá incluír unha zona Cook Trends con oferta de restauración. Ademais, nas diferentes casetas do espazo feiral levarán a cabo diversas presentacións ao longo da xornada.
XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a gastronomía como un dos reclamos turísticos de Galicia, onde priman os produtos de proximidade e a cociña autóctona.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade e o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora de Turismo, Nava Castro, participaron hoxe nunha nova edición de Galicia Fórum Gastronómico, que xa suma 20 convocatorias, as 4 últimas na Coruña.
Na súa intervención, Vázquez Mourelle destacou que este evento é un punto de encontro para empresas e produtores e supón unha oportunidade de formación para os novos talentos nos distintos talleres programados.
Subliñou que o foro constitúe o mellor escenario para a promoción dos produtos do mar e da terra maridados cos viños das denominacións de orixe protexidas. Lembrou, ademais, que a gastronomía, xunto coa natureza, é un dos principais motivos escollidos polos turistas para visitar Galicia, pois a comunidade está considerada como destino cunha cociña de calidade e sostible.
Ethel Vázquez puxo en valor que Galicia conta con 16 Estrelas Michelin concedidas a 15 restaurantes e outros 37 con Soles Repsol que acreditan a calidade da cociña, xunto cos 25 incluídos na categoría Bib Gourmand ou 3 con estrela verde, recoñecidos polo seu compromiso coa sustentabilidade.
AGRO E MAR
Os produtos do agro e do mar de Galicia teñen unha presenza destacada no Galicia Fórum Gastronómico. Así, a Xunta -a través das Consellerías de Medio Rural e do Mar- participa neste evento con preto de 40 empresas coexpositoras do sector agroalimentario.
As arredor de 30 empresas que acoden ao Fórum baixo o paraugas de Medio Rural ofrecen unha completa representación de produtores variados, adegas, queixerías, xeados, galletas ou mel, entre outras referencias de calidade. Cada unha destas empresas dispón dun espazo personalizado de 6 m² repartidos en cinco illas de 36 m² (postos do 110 ao 139). Ademais, este espazo institucional conta cunha área específica para actividades gastronómicas, a Aula de Experiencias, así como cun túnel do viño onde están representadas máis de 70 referencias de viños, augardentes e licores da nosa comunidade.
Nesta aula están programadas para estes tres días de evento unha serie de actividades dirixidas por persoal dos consellos reguladores dos produtos con indicativos de calidade diferenciada e da propia Axencia. Así, haberá catas-degustación de produtos galegos con indicativo de calidade e celebraranse varias exhibicións (showcookings) con preparacións culinarias a base destes produtos, dirixidas por especialistas do mundo da restauración. Por outro lado, a Xunta e os consellos reguladores participan tamén no espazo Ágora do Fórum, cunhas presentacións e elaboracións dirixidas e comentadas por profesionais.
Pola súa banda, a Consellería do Mar está presente neste evento cun expositor de 160 metros cadrados no que se difundirá a campaña GALICIA SABE AMAR e alberga a oito empresas coexpositoras. Durante os días que dura este encontro organizará distintas actividades de degustación, entre elas unha cos produtos certificados baixo o selo de calidade pescadeRías, que será no espazo obradoiro, e outra con conservas de produtos do mar, que se celebrará na aula Ágora.