domingo. 24.11.2024

Juan Rof Codina, o “primeiro influencer veterinario”

A charla vaina ofrecer Diego Conde, doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago e experto en Rof Codina. Baixo o título “O primeiro influencer veterinario”, achegará aos asistentes a unha figura tan transcendental como descoñecida. Juan Rof Codina foi un innovador neste eido, contribuíndo á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.
Rof Codina.
Rof Codina.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) nomeou como 'Científico Galego do ano 2022' a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), impulsor da veterinaria en Galicia e España. No marco das celebracións que a Academia está a promover ao longo deste ano en torno á súa figura, a vindeira semana vaise celebrar en Lugo unha actividade divulgativa na Biblioteca Intercentros da Universidade de Santiago. Será o 21 de setembro ás 18.00 h.

Este evento vaise desenvolver en colaboración coa facultade de Veterinaria de Lugo e a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, dentro da iniciativa “Apaixonad@s pola Veterinaria”, un ciclo de charlas-coloquio que se realizan mensualmente na facultade de Veterinaria para visibilizar diferentes saídas profesionais, debater sobre as actuais demandas laborais, descubrir as oportunidades menos coñecidas da profesión e, sobre todo, compartir experiencias vitais vencelladas á veterinaria.

A charla vaina ofrecer Diego Conde, doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago e experto en Rof Codina. Baixo o título “O primeiro influencer veterinario”, achegará aos asistentes a unha figura tan transcendental como descoñecida. Juan Rof Codina foi un innovador neste eido, contribuíndo á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.

Unha vez rematada a conferencia, os participantes terán a oportunidade de realizar unha visita guiada e comentada ao fondo Rof Codina, situado na propia Biblioteca Intercentros, para coñecer o “valioso material” que atesoura. A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada en 1995 pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago, aínda que na actualidade o fondo permanece na Biblioteca Intercentros. Ao longo da súa vida Rof escribiu máis de 700 artigos destinados a difundir as novas teorías nos campos da agricultura e a gandería, depositados agora na biblioteca lucense, xunto a material manuscrito, diferentes publicacións e mesmo fotografías que foi recompilando durante a súa vida profesional.

Juan Rof Codina dá nome á Fundación Rof Codina e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, así como a unha rúa nesta cidade e a outra en Monforte de Lemos.

Juan Rof Codina, o “primeiro influencer veterinario”
Comentarios