Os datos recollidos polo Ministerio de Sanidade no 5º informe sobre Oferta e necesidade de médicos especialistas en España, indican que Galicia posúe un total de 116 facultativos por cada 100.000 persoas censadas na nosa comunidade. Así, a rede sanitaria pública galega situase considerablemente por riba da media nacional, de 87’4 facultativos/100.000 habitantes.
Neste sentido, a relación de profesionais da Medicina Familiar e Comunitaria galega soamente se ve superada por tres comunidades; nomeadamente, Asturias con 127’5 médicos, Estremadura con 125,6 facultativos, e a Comunidade Foral de Navarra, que posúe 121,2 profesionais da medicina familiar, nesta ratio.
Segundo o informe do Ministerio de Sanidade sobre Oferta e necesidade de médicos especialistas en España, Galicia ocupa o cuarto lugar no ratio de profesionais de MFeC, con 116 facultativos por cada 100.000 habitantes, 28 máis que a media nacional (87,4)
Segundo os datos achegados polas comunidades autónomas, en 2021 o número de Médicos de Medicina Familiar e Comunitaria do SNS ascendía a 39.666 profesionais, dos que o 91,3% estaban adscritos á atención primaria.
DÉFICIT DE MÉDICOS SNS
Así, nun contexto complicado de déficit de profesionais en todo o país, o Servizo Galego de Saúde sitúase como o cuarto mellor servizo sanitario no que atinxe á ratio de médicos de familia por 100.000 habitantes do Sistema Nacional de Saúde. A pesares disto, as perspectivas de que o déficit aumente nos vindeiros anos teñen movido á Xunta de Galicia a reclamar medidas urxentes ao Goberno de España, competente na formación sanitaria especializada.
Unha vez que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas para formación de especialistas en medicina de familia acreditadas polo Ministerio, en novembro do ano pasado a Xunta solicitou ao Goberno a acreditación de 64 prazas máis, aumentando nun 45% a capacidade formativa de Galicia. Aínda que as prazas acreditaron cumprir cos requisitos, o Goberno de España denegou a solicitude de Galicia para incorporalas á convocatoria MIR deste ano 2022, polo que deberán esperar un ano máis para formar a novos especialistas.
Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, ten trasladado á ministra Carolina Darias, en reiteradas ocasións, outras medidas para paliar esta situación de déficit de profesionais que responden ademais a demandas do Parlamento de Galicia, como a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR, a tramitación preferente da creación dunha especialidade de medicina de urxencias que evite que estes profesionais ocupen prazas formativas de medicina de familia, ou a eliminación das limitacións nas taxas de reposición impostas polo Goberno de España, que impiden aos servizos de saúde autonómicos ofertar a totalidade das súas prazas vacantes.
De acordo ao informe do Ministerio de Sanidade, a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria é a que achega peores datos no referido ao déficit de facultativos. Así, no ano 2019, a atención primaria converteuse nun tema de máxima prioridade para o Goberno Galego. Proba disto, foi a elaboración do documento “Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021”, aprobado no Consello da Xunta o 16 de maio do 2019, e que conta cunha dotación económica de mais de 103 millóns de euros para a súa execución. Ademais, posteriormente elaborouse un documento complementario titulado “Por unha Atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, que tamén marca a folla de ruta a seguir neste nivel asistencial. En ambos casos, o Servizo Galego de Saúde segue a avaliar, de xeito mensual, o cumprimento do obxectivos establecidos nestes informes para acadar o 100%.
Xunto con estas medidas, a Xunta de Galicia vén de publicar a orde mediante a que se convoca 106 prazas de médicos na especialidade de atención primaria, por medio do sistema de concurso de méritos.
A esta modalidade de OPE para médicos, na que Galicia é pioneira, engádense outras medidas xa postas en marcha para reforzar os Recursos Humanos na atención primaria galega, e entre as que destaca a convocatoria doutros 73 procesos que permitirán a incorporación de 2.000 profesionais de diferentes categorías, con vínculo fixo.
Ademais, a Xunta vén adoptando tamén diversas medidas de reorganización para optimizar este servizo asistencial, como son a Instrución TAO, que permite ao persoal de enfermería asumir o seguimento de pacientes con tratamentos de anticoagulantes; a posibilidade de prescrición de pacientes crónicos por parte do persoal farmacéutico; a implantación de axendas de calidade para o persoal médico e de enfermería, a elaboración dos Plans de Saúde locais que dotan de maior autonomía aos centros de Saúde, así como outras melloras, como son a posta en marcha Plataforma CRM100, que permite a xestión das chamada que se reciben nos centros de Saúde; ou o Sistema Integral de Clasificación da Demanda en Equipo (XIDE), que contribuirá a optimizar o funcionamento do nivel asistencial máis próximo á cidadanía.