jueves. 26.12.2024

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lembrou hoxe a importancia de dar aos avós un papel activo na sociedade na celebración da gala organizada por Mensaxeiros da Paz para conmemorar o Día dos Avós. Durante o evento entregáronse os premios ‘Avó de Honra’, a José Ignacio Rivera, coñecido como Nacho ‘Carballeira’; ‘Avoa e Avó de Ouro’, a Josefa García e Enrique Navas; e ‘Maiores de Ouro’, a Pacucha Pardo e Gumersindo Álvarez.

Fabiola García defendeu os dereitos e a autonomía dos nosos maiores, así como a necesidade de escoitalos e de ter en conta a súa opinión. Nesta liña, avogou por poñer a súa disposición os servizos que lles permitan decidir libremente sobre como e onde queren vivir, así como por eliminar todas aquelas barreiras físicas ou tecnolóxicas que os separan deste século XXI.

Na súa intervención, a conselleira salientou a traxectoria profesional de José Ignacio Rivera, máis coñecido como Nacho ‘Carballeira’, distinguido como ‘Avó de Honra’. Del enxalzou os 30 anos dedicados ao coidado dos nenos e adolescentes que máis precisan de apoio no centro de protección A Carballeira, en Ourense.

OUTROS RECOÑECEMENTOS

Ademais, premiouse a Josefa García como ‘Avoa de Ouro’, pola súa implicación co Concello de Mondoñedo e a dedicación aos seus netos e bisnetos; e a Enrique Navas, ‘Avó de Ouro’, pola súa disposición a participar en novos proxectos e o bo humor do que fai gala na Residencia Mi Casa de Ferrol, onde reside. Así mesmo, entregáronse dúas distincións de ‘Maiores de Ouro’ a Pacucha Pardo e Gumersindo Álvarez.

A cerimonia, que se desenvolveu no Auditorio do Monte do Gozo, tivo como anfitrión ao presidente e fundador de Mensaxeiros da Paz, el Padre Ángel, que é como se coñece a Ángel García Rodríguez. Ademais, o xornalista Luis del Olmo exerceu como pregoeiro e convidado especial deste Día dos Avós, festa de agradecemento ás persoas maiores que Mensaxeiros da Paz celebra desde hai 24 anos.

Día dos Avós
Comentarios