A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso sobre aplicación do GPS no sector agroforestal. A acción formativa sería no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo a partir do vindeiro mércores 8 de setembro en horario de 9.00 a 14.00 horas.
O curso está dirixido principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A acción formativa -que contará cunha duración de 30 horas – ten como obxectivo formar axeitadamente aos alumnos para que teñan unha idea clara das constelacións de satélites operativas na actualidade e as aplicacións das mesmas para o sector agroforestal. Ademais, con este curso búscase que os participantes sexan capaces de manexar as últimas tecnoloxías en xeo-posicionamento por satélite e que ao mesmo tempo teñan os coñecementos necesarios para o desenvolvemento de tarefas agroforestais, elixindo en cada momento os equipos GNSS máis adecuados.
Así, ao longo da súa programación abordaranse conceptos como os principios fundamentais do funcionamento dos equipos GNSS, as constelacións de satélites operativos, as páxinas de interese dos visores de redes e direccións wms ou os equipos e métodos de traballo con GPS e a súa creación e configuración. Ademais, o curso contará cunha parte práctica na que se traballarán os conceptos previamente adquiridos.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico [email protected]. Tamén poden chamar ao número 881 881 047 para máis información.
A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.