A delegación turca está integrada por seis mulleres, todas elas profesionais da formación de persoas adultas. Durante esta semana estarán na nosa comunidade para mellorar a calidade formativa que lles permita optimizar a capacitación das mulleres agricultoras no ámbito das cooperativas agrícolas. Ademais de coñecer de preto a realidade do cooperativismo agrario na nosa comunidade, están interesadas en particular en achegarse á experiencia da Asociación Mulleres de Seu, impulsada por CLUN para fomentar a visibilidade, o apoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural.
Tal como explica a vicepresidenta de CLUN e presidenta de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, “buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres no contexto rural, co próposito ademais de fixar poboación e de ser un motor de innovación e emprendemento na contorna agraria”. Esta asociación interxeracional de mulleres gandeiras, integrada por preto de 200 socias de CLUN, nace en 2013 e busca en especial promover a participación das mulleres novas.
APODERAMENTO
Este proxecto internacional, cofinanciado co programa Erasmus+, comezou no ano 2022 e vaise estender ata 2024. Traballa no desenvolvemento de metodoloxías formativas innovadoras para as cooperativas agroalimentarias, de módulos orientados a mulleres do sector e dunha plataforma dixital de formación.
Por parte de Turquía, neste proxecto participan o Concello de Silivri (distrito da provincia de Estambul), a Universidade Tekirdağ Namık Kemal e a Asociación SYGD (Asociación de Vida Sostible e Futuro Verde), entidade enfocada ao apoderamento de grupos sociais desfavorecidos, mulleres, inmigrantes e refuxiados, principalmente mozos e mozas. Por Italia (rexión de Bari) participa a asociación sen ánimo de lucro Legacoop Puglia, orientada á promoción e defensa do cooperativismo.