domingo. 22.12.2024

Di que volve ás súas orixes. “Como raiana que son, estou moi influída por Portugal e quería volver ás miñas raíces máis auténticas”. Así xustifica a artista o título do seu segundo disco, ‘Retorno’. Pousa concede entrevista en exclusiva a Diario Luso-Galaico, unha horas antes da pre-estrea do disco no teatro municipal, na Área Panorámica, en Tui.

“‘Retorno’ semella unha palabra grande, con forza e sobre todo é a mesma palabra nos tres idiomas nos que canto neste disco: portugués, castelán e galego”. Ademais, a importancia de ‘Retorno’ na súa traxectoria cífrase en que é a súa estrea como compositora e produtora musical.

“É un paso moi importante na miña carreira musical. Estou a estrearme como compositora e produtora musical. Podo dicir que este disco é como moi meu. Levo más dun ano traballando nel co produtor luso Paulo Borges. Os dous, man a man, fixemos este disco. Involucrámonos moitísimo nas melodías e nas letras”.

En ‘Retorno’, Pousa tenta escapar do estilo no que a xente a tiña xa etiquetada. “Este é un paso máis, pero arriscando porque sempre hai que facelo con sentido e, sobre todo, sen perder a esencia. Neste disco podemos atopar cancións moi diversas, pero todas manteñen unha esencia, a miña que me fai diferente a outra cantante”.

PROMOCIÓN

“Vai ser en Galicia e loxicamente en Portugal a promoción de ‘Retorno’. Fóra da nosa comunidade vai estrear o seu cuarto single, ‘Atrapados’. Para isto conta con desprazarse fisicamente a México, “un país co que temos moitas sinerxías. Os mexicanos sempre me están a apoiar e vai ser alí a presentación. “Oxalá poida estar presencialmente alí”.

En xeral, a promoción de ‘Retorno’ é unha intención. “Sempre abrindo fronteiras e sen límites. A onde me leve ‘Retorno’. Non teño nada que me impida voar nin nada que me impida saír de aquí”, manifesta a artista.

MÉXICO

Andrea ten un agarimo especial por México. Os seus 3 primeiros singles –‘Axendados’, ‘Camiñares’ e ‘Alalá Meigo’- foron estreados en México, "onde me publicaron un vídeo clip enteiro". E iso que neses tres singles estou a cantar en galego...Ás veces pensamos que por cantar en galego non vai ter saída...Son barreiras que nos pomos nós mesmos e non deixamos saír o noso traballo. En cambio, os mexicanos están encantados de ver as nosas imaxes, de escoitar cancións nun idioma que non é o deles e que descoñecen...Temos que abrirnos máis e estar máis orgullosos do que somos e temos. Eu, desde sempre, tiven esa sintonía...”.

“México é un país que sempre me gustou desde meniña...A enerxía deles...Faite sentir moi ben...E tratan o artista moi ben...E sempre teñen un sorriso...Iso é vital. Din que México é a porta de América e é así. É un país moi importante para a difusión no mundo artístico”.

TUI

Andrea está moi orgullosa de que esta pre-estrea do disco, que aínda no se publicou pero que anuncia que estará no mercado este mesmo mes de abril, sexa no escenario tudense. “Esta cidade de Tui acolleume sempre moi ben. Aquí iniciei a miña carreira no mundo da música como membro da Coral de Música Moderna. Viña ensaiar todos os sábados pola mañá cando tiña 13 ou 14 anos. De aí ao pouco tempo, fixéronme solista da coral.  A verdade é que teño un agarimo por Tui. E tamén por Radio Tui, que sempre me apoiou desde os inicios todo o equipo e, especialmente, Kiko Carballo. Sempre estiven soando no seu programa das fins de semana nos meus comezos, cousa que é importante, o apoio dos medios de comunicación”.

PORTUGAL

É unha mágoa pero o peche de fronteiras impediu que os fans lusos de Andrea Pousa estivesen nesta pre-estrea de ‘Retorno’. “Hai uns días falei cuns amigos de Monção e dixéronme que, xusto, o día 9 ían abrir a fronteira...Oxalá que fose así, porque me facía moita ilusión...Había moita xente portuguesa que tiña pensado vir!”.

“Teño afortunadamente moitas amizades ao outro lado da raia e a verdade é que é unha mágoa estando aquí, tan preto, que non poidan vir. Claro que si!”.

PANDEMIA

Pousa sacoulle partido a este ano de confinamento. “Foi un ano moi produtivo a nivel interno como artista. Estiven dedicada á composición do disco, escoitando, compondo...estudando...Aproveitei para gravar a miña voz e a miña música na casa, cousa que descoñecía. A verdade que este tempo foi enriquecedor en moitos sentidos. Puiden conectarme co meu público desde a miña casa e cos medios que tiña ao alcance...”. Pousa salienta que con eses medios se poden facer moitas cousas. “Hai que darlle a volta a tortilla e buscar o que podemos facer desde a nosa casa”, insiste.

SOÑADORA

A compositora e produtora de ‘Retorno’ confésase “de sempre bastante soñadora. Obviamente cos pés no chan...A vida dáche ás veces...como con isto da pandemia que foi como...un cabo á terra”.

Andrea soña “poder seguir vivindo disto; que a xente te valore, te respecte; que che guste o que fas; que se sintan a gusto escoitándote...; que guste realmente o teu traballo, porque compor unha canción e que non se escoite..., que non se comparta, que non chegue a mensaxe...é coma un fracaso”.

“Cando polo ‘feed back’ do público ves que lle gusta, que vibra contigo...iso é o que máis valoro”.

Pousa sintetiza o seu panel de soños: “Actuar en todo o mundo, facer unha xira mundial e exportar a cultura galega, a nosa arte e o que somos”.

VIDA

A vida diaria de Andrea transcorre entre o estudo e os ensaios. “Os últimos meses foron isto practicamente. O que estou a facer agora implica baile. Antes bailaba nas actuacións pero menos que agora...Implica unha coreografía e levo 6 bailarinas na xira...É todo novo e claro...e implica moito tempo de asimilación. Aínda así, todos sabemos que se ensaia enriba dos escenarios, onde máis aprendemos”.

Pousa bota en falta a vida social. “Antes ía aos concertos e os eventos..., pero agora basicamente me dedico a estudar e ensaiar e...pouco máis”.

“No meu tempo libre, descanso cos meus amigos e a miña familia. Saio a camiñar, de ruta por aí...calquera cousa que me saque da miña rutina. Iso axuda a volver con renovadas forzas ao ordinario. Estás máis fresca. E neses momentos si, aí son Andrea a de toda a vida. Esquézome de que son artista. Primeiro son persoa e isto axúdame a conectar con min mesma”.

A artista vai dous ou tres días á semana ao ximnasio “para estar un pouco en forma”. Admite que se coida “bastante”. “Trato de comer ben e de levar unha vida saudable. Endexamais fumei nin bebín..Son bastante sa!”

REFERENTE MUSICAL

Tan só cita como referente musical unha portuguesa. “Ana Moura é unha referencia para min como artista. Gústame moito! Eu escoito música de todo tipo. Gusto de nutrirme en diferentes estilos”.

Da música portuguesa asegura que escoita todo desde o pop ao fado. “Adoro as músicas portuguesas. Oxalá algún día poida ter unha colaboración con algún deles”.

PORTUGAL

Desfaise en eloxios ao país veciño. “Portugal é un país que espertou dunha maneira tremenda a nivel artístico, turístico...Este país gústame moito. Portugal é un país de referencia...o orgullo portugués...Antes da pandemia pasaba un día á semana, mínimo, en Portugal. Considérome raiana, medio portuguesa...De feito, quero ter a nacionalidade portuguesa...nalgún momento...faríame moita ilusión...”.

“Portugal é un país pequeno, pero se veñen todos os portugueses que residen fóra...Entón, é un país enorme. Sempre que viaxo atopo a un galego ou un portugués en calquera parte do mundo. Preciso axuda ou algo e sempre hai un portugués ou galego. Impresionante! Portugueses e galegos somos o mesmo!”.

Andrea Pousa, artista que publica o seu segundo disco ‘Retorno’: “Considérome raiana,...