“Pero Farruco non morreu?”. Iso foi o que lle dixo o cómico David Amor ao seu colega Pepo Suevos cando este o chamou para convidalo a participar nunha gala de homenaxe a Xosé Luís Bernal, o creador do popular personaxe. Ou, polo menos, iso foi o que contou Amor ao público no evento. Por suposto que foi unha broma, pero pretendía precisamente subliñar o feito extraordinario de que Bernal recibise esta merecida homenaxe en vida en non despois de morto, como adoita acontecer. O propio Farruco refiriuse a iso durante a súa intervención ao final da gala: “Cunqueiro dixo unha vez en que lle fixeron unha homenaxe: ‘Estádesme facendo un funeral de primeira’. Pois a min me gustaría que este fose o bautismo dunha nova etapa da miña vida”.
A maioría dos cómicos e humoristas galegos de hoxe participaron o pasado martes na homenaxe a Farruco que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela a partir das 20.30 horas. “Os que non están é porque lles foi completamente imposible. Algo tiveches que facer moi ben”, díxolle Roberto Vilar, o presentador do programa “Land Rober” da TVG. E o certo é que ao acto non faltou case ningún. Ademais de Pepo Suevos, promotor e presentador da homenaxe, e dos citados David Amor e Roberto Vilar, subiron ao escenario para falar de Farruco Avelino González, David Noia, Luís Iglesia, Jazmín Abuín, Isi, Xan Veiga, Fran Rei e Isabel Risco, Quico Cadaval, Federico Pérez e Xosé Antonio Touriñán. E os que non puideron asistir mandaron cadanseu vídeo de adhesión: Carlos Blanco, Luíz Zahera, Sergio Pazos e Arantxa Treus, que apareceu nunha gravación canda a súa compañeira Jazmín Abuín, coa que forma o dúo “Sobria e Serena”. Ademais, Quico Cadaval leu –e entregou a Farruco– unha carta de Celso Fernández Sanmartín.
Anunciaranse “sorpresas”, alén dos nomes dos cómicos que se sabía que subirían ao escenario, e así, ademais dos vídeos mencionados, de entre o público tomaron a palabra outros tres actores vencellados a Farruco: Mela Casal, Gloria Ferreiro e Daniel Lago, que sendo só un cativo interpretou o papel de Brais na serie da TVG “Terras de Miranda”. Moitos dos cómicos participantes na gala confesaron que coñeceron persoalmente o homenaxeado cando traballaron con el nesta serie na que Xosé Luís Bernal deixou apartado a Farruco para interpretar un veterinario xubilado.
A homenaxe espertou moita expectación. A entrada era libre, pero o aforo do Salón Teatro é apenas de 270 persoas, polo que foron moito os que quedaron fóra sen poder entrar. A realidade é que o acceso do público ás súas localidades foi un pouco confuso, pero houbo tres acomodadores de luxo que o fixeron definitivamente divertido: Pepo Suevos, Avelino González e Quico Cadaval.
Os catorce cómicos que subiron ao escenario sentaron en cadansúa cadeira e foron intervindo individualmente, agás Fran Rei e Isabel Risco, que forman dúo artístico. Algúns ofreceron un monólogo, mentres que outros optaron por lembrar vivencias compartidas con Farruco, pero todos relacionaron dalgún modo a súa parola co homenaxeado.
Sesenta anos percorrendo campos da festa
Por riba de todo, os cómicos participantes destacaron dúas ideas sobre Farruco. A primeira, que abriu camiño aos humoristas que viñeron despois del. Farruco comezou no mundo da farándula hai sesenta anos, percorrendo campos da festa en feiras e romarías por corredoiras galegas cheas de lama e pelexando coas comisións de festas para que lle pagasen. Neste sentido, o propio homenaxeado recordou que o Xestal (Carlos Díaz Gestal), o seu ilustre antecesor, declarou unha vez publicamente que grazas a Farruco os cómicos galegos comezaron a gañar algúns cartos, porque antes actuaban só “pola mantida”. Durante a súa intervención na gala, Bernal resaltou o labor de Joselín (José Rodríguez de Vicente), o Vello dos Contos (Xosé Mosquera Pérez), Xan das Canicas (Francisco Calvo Guerra) e propio Xestal como os grandes predecesores que lle abriron camiño a el.
A segunda idea destacada sobre Farruco foi que nos fixo a todos querer e crer no humor en galego, como manifestou Xan Veiga. Neste sentido, Roberto Vilar díxolle ao homenaxeado que o conectou non só co humor popular galego, senón en particular co humor que el atopaba na súa casa, o que manifestaban espontaneamente os seus pais e avós nas súas vidas cotiás. Abundando nisto, Rei e Isabel Risco cualificaron a Farruco como “o noso maior representante da retranca”, para logo definir esta como “a maneira que temos os galegos de defender os nosos dereitos individuais e colectivos por medios pacíficos a través da reviravolta”.
Xosé Luís Bernal naceu en Santiago o 15 de abril de 1942. Hoxe en día atópase retirado do mundo da actuación, despois de traballar nel durante máis de sesenta anos. Hai só uns meses publicou o seu segundo libro, “Cousas de Farruco”, cunha selección das mellores historias do seu personaxe que durante décadas contou en feiras e romarías, en casetes que se venderon moito e na radio e mais na TVG. Paralelamente, nos seus últimos tempos desenvolveu unha carreira como actor e presentador de televisión, con programas e series como “Terra de Miranda” e “Vivir aquí”.